Site icon Crónica3.com A Mariña

Yolanda Pedreira lamenta que a oposición utilice os datos do obradoiro de emprego “segundo a súa conveniencia”

A responsable da Concellería de Emprego de Cervo, Yolanda Pedreira, asegurou que o grupo municipal socialista “non ten respecto pola veracidade e polos datos reais” en referencia as críticas realizadas ao obradoiro de emprego. Pedreira asegura que “aos socialistas todo lles vale para atacar ao goberno, incluso dar información errónea e mentir”.

A concelleira volveu aportar os datos que xa se fixeron públicos no seu día sobre o obradoiro de emprego de Cervo, Alfoz e O Valadouro, “visto que non se lembran ou non queren lembrarse”. Un datos que “nada teñen que ver cos que achegaron os socialistas”. Un obradoiro no que se están formando un total de 27 parados distribuídos en catro módulos, tres deles de xardinería e un de atención sociosanitaria. En canto ao equipo técnico, está composto en total por seis persoas, incluíndo o director e o administrativo, comúns para os tres concellos, así como os 4 monitores. No caso de Cervo, son 13 os desempregados que se forman e 2 monitores que os guían “e teñen que ser dous porque un deles é para o módulo de xardinería e outro para o de atención sociosanitaria”.

Pedreira quixo facer público o agradecemento do Concello de Cervo á Xunta de Galicia “pola súa boa disposición a poñer en marcha estas políticas activas de emprego que buscan achegar formación e experiencia laboral aos desempregados” e lembra que na etapa do Goberno bipartito na Xunta “os obradoiros de emprego brillaron pola súa ausencia”. Pedreira lamenta que os socialistas “non valoren este tipo de iniciativas que resultan moi proveitosas para os parados”.

Exit mobile version