Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación cofinancia a oitava feira Expogrelo de Abadín que se celebrará o vindeiro 16 de febreiro

_77K2122A Deputación mellora a comercialización dos produtos autóctonos e de calidade cofinanciando a oitava feira Expogrelo de Abadín

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e o Alcalde de Abadín, José María López Rancaño, presentaron este xoves no Salón de Actos de San Marcos a oitava edición da feira Expogrelo, que, baixo o lema Artesanía Vexetal, se celebrará o vindeiro 16 de febreiro no recinto feiral da localidade de Gontán. O organismo provincial cofinancia un ano máis este certame monográfico cunha achega económica de 3.000 euros, unha colaboración coa que, segundo destacou a Vicepresidenta, “contribuímos a mellorar a comercialización dos produtos autóctonos e de calidade da nosa provincia, entre os que o grelo é un referente”. A calidade deste prezado vexetal, que conta dende o ano 2009 con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) en Abadín é, de feito, o sinal de identidade da feira, pois existe un control previo á apertura do recinto feiral e cada mada ten garantida a súa trazabilidade alimentaria.

Lara Méndez enmarcou o apoio a Expogrelo na decidida aposta polo sector primario que está facendo a Deputación “para que sexa un dos eixos que nos axude a saír da difícil situación económica que atravesamos”. “Colaborando con esta feira, estamos a facer unha inversión con retorno, pois a celebración de Expogrelo ten efectos moi beneficiosos no Concello de Abadín e na comarca da Terra Chá: xérase riqueza e poténciase un sector básico na provincia”, argumentou a Vicepresidenta.

Pola súa banda, o Alcalde de Abadín quixo agradecer a colaboración da Deputación de Lugo, destacando a importancia do apoio económico a estas iniciativas, “moitas explotacións do Concello diversificaron á súa produción, fortalecendo o tecido económico do sector primario de Abadín; Nesta diversificación o grelo ten un papel relevante”

O programa

Unha vintena de produtores poñerán á venda uns 2.000 quilos de grelos na oitava edición desta feira, que arrancará ás 10:00 horas e incluirá animación musical e degustacións, ademais dun concurso de cestas, que repartirá 210 euros en premios. Haberá premios de 50, 30 e 20 euros á calidade, e outros tantos á decoración.

130.000 euros para certames alimentarios

A colaboración do organismo provincial enmárcase na súa aposta polo impulso dos produtos autóctonos para xerar riqueza en Lugo. Por este motivo, ó igual que financia a feira Expogrelo de Abadín, a Deputación impulsa outros eventos na provincia, como Festa do Porco Celta de Sarria, a Festa do Berberecho de Foz, o Mercado Renacentista de Viveiro, a Feira de Produtos Ecolóxicos e Artesáns de Burela, a Festa da Cereixa de Ribas do Sil, a Festa da Castaña do Courel, a Festa da Canteiría e Callos de Guitiriz, ou a Festa da Empanada de Chantada, ata superar as 30 xornadas, para ás que achega máis de 130.000 euros.


Portal de venda on line

Outra das iniciativas a través das que a Deputación pon en valor os produtos autóctonos é a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com que conta hoxe con 80 empresas adheridas, entre elas varias precisamente que comercializan grelos, coma Champivil, de Vilalba, e Milulloa, de Palas de Rei. A Vicepresidenta Segunda aproveitou para animar ás firmas dedicadas a este e sector a sumarse ó portal provincial de venda on line, único en Galicia das súas características, pois está dedicado en exclusiva ós produtos autóctonos e as empresas adheridas non teñen que asumir ningún custe.


Plan Fórmate en Verde

Ademais, esta semana, o organismo provincial lanzou un plan de emprego específico para potenciar o sector primario como oportunidade para o desenvolvemento económico da provincia. Trátase do programa Fórmate en Verde, a través do que a Deputación dará formación e asesoramento técnico e especializado, de maneira totalmente gratuíta, a un mínimo de 900 lucenses para crear empresas vinculadas á gandería e agricultura ecolóxica, así como o aproveitamento forestal sostible. As persoas interesadas nesta ambiciosa iniciativa, dotada con 1 millón de euros, achegados ó 80% pola Unión Europea, poden encontrar toda a información na web provincial www.deputacionlugo.org

Exit mobile version