Site icon Crónica3.com A Mariña

A AC Eme de Meira organizou o IV Aberto de Billarda do Lacón de Meira onde resultou gañador Charli

charli, campión individualCHARLI, DO EQUIPO DE MUIMENTA “CARABULLO”, GAÑA O IV ABERTO DO LACÓN DE MEIRA

Esta proba de billarda, pertencente á 7ª xornada da Conferencia Norleste da Liga Nacional de Billarda, xuntou o sábado máis de 70 palanadores e palanadoras de Lugo e doutras partes de Galiza

Por equipos, Extensión Billarda, equipo de Meira-Bretoña, foi o gañador da xornada

O equipo de Meira, Tropa Lixeira, accede ao 2º posto da clasificación xeral e sitúa a dous dos seus xogadores entre os 5 primeiros da clasificación individual

A Asociación Cultural Eme de Meira organizou este sábado en Meira o IV Aberto de Billarda do Lacón de Meira, unha proba que xuntou nunha participación histórica a máis de 70 xogadores e xogadoras, principalmente da zona centro e a Mariña de Lugo, mais tamén acudiron xogadores doutras conferencias, en grande parte das Rías Baixas.

A competición, que nun principio estaba prevista para xogarse ao aire libre na Praza do Convento meirega, tivo que disputarse no pavillón polideportivo debido ás inclemencias meteorolóxicas. Foi unha xornada moi disputada no que o terreo de xogo tan rápido fixo que a igualdade predominase entre os xogadores máis expertos e os principiantes. Charli, do equipo de Muimenta “Carabullo”, facíase co triunfo individual, premiado cun cobizado lacón meirego e unha restra de chourizos, logo de vencer na final e relegar ao segundo posto á xogadora Lu, de “Corredoiras” procedente das Rías Baixas (e actual campioa nacional de billarda). O 3º posto estaría completado por Noé, das Troitas Bravas da Pontenova e por equipos o triunfo foi para Extensión Billarda, equipo de Meira-Bretoña.

O equipo da Asociación Cultural Eme de Meira, Tropa Lixeira, logo dunha xornada meritoria na que un dos seus xogadores, Óscar, pelexou polo 3º posto e fixo 2 varaos (golpe directo) accede ao 2º posto da clasificación xeral e sitúa a dous dos seus xogadores entre os 5 primeiros da clasificación individual, Óscar e Ríchar.

Exit mobile version