Ata o momento os propios gandeiros teñen que levar os residuos a un punto cerca da nave do concello
O PP insta ao goberno local a que habilite un sistema de recollida de residuos de plásticos agrícolas con puntos estratéxicos nas aldeas onde os gandeiros podan deixar estes desperdicios
• Os populares presentan un rogo plenario no que procura que se garanta, dun xeito ordenado e eficiente, a recollida destes desperdicios nas propias aldeas, especialmente nas máis gandeiras, facilitando así tanto a actividade do traballador do rural como o proceso de destrución dos plásticos
Mondoñedo, 10 de xaneiro de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo presenta un rogo plenario no que lle pide ao goberno local bipartito a que habilite un sistema de recollida de residuos plásticos producidos polas actividades gandeira e agrícola (silos, invernadoiros…), que posibilite a localización de puntos estratéxicos nas propias aldeas, onde os veciños podan deixar estes desperdicios.
A portavoz do Partido Popular de Mondoñedo, Elena Candia, explica que ata o momento os propios veciños deben trasladar estes desperdicios a un punto cerca da nave do concello. Esta decisión “incomoda o proceso para a destrución destes residuos”, e máis a actividade diaria dos traballadores do sector agrogandeiro e agrícola, que se ven obrigados a acercar eles mesmos os restos ao punto sinalado polo equipo de goberno do Concello.
A portavoz popular explica que ao igual que están a facer outros concellos, o PP solicita a habilitación de zonas estratéxicas no rural, sobre todo naquelas con maior poboación que vivan destas actividades, nas que os propios gandeiros poidan deixar estes residuos. Así, Candia asegura que o Concello pode aproveitar a conxuntura e realizar a recollida destes desperdicios os mesmos días que os servizos do Concello realizan no rural a recolección de materiais voluminosos.
Coa localización de puntos nas aldeas, evítanselle os desprazamentos aos agricultores e gandeiros, facilitándolles o seu traballo, e máis nun momento de crise paro o sector. Polo tanto, a portavoz popular reitera que a pretensión do seu equipo é a de instar ao goberno local a que garanta un servizo que, de xeito eficaz e ordenado, recolla os plásticos agrogandeiros e agrícolas no rural e que non obrigue aos gandeiros a trasladar os residuos a un punto concreto preto da nave municipal.