O goberno local amósase sorprendido de que o asesor do BNG na Deputación dea leccións de economía ao servizo de Intervención
-O grupo de goberno considera “de risa” que o asesor se sinta máis cualificado para valorar os orzamentos que unha funcionaria de carreira e todo o persoal adscrito a Intervención
Cervo, 15 de xaneiro de 2013-O goberno municipal manifestouse hoxe “abraiado” polas leccións de economía que “pretende dar o asesor do BNG na Deputación e edil de Cervo ao departamento de Intervención”. “Estúa ten o valor de cuestionar o traballo da interventora municipal en relación aos orzamentos. Un señor que é asesor de profesión considera que ten máis coñecementos en economía, finanzas e contabilidade pública que unha funcionaria de carreira con dúas oposicións estatais aprobadas e licenciada en Economía”.
Para o grupo de goberno “é de risa que o señor asesor queira dicir ante a opinión pública que el sabe máis de orzamentos que a propia interventora e todo o persoal adscrito ao departamento”. O asesor do BNG na Deputación presentara a pasada semana as súas reclamacións ás contas de 2013. Despois de valoralas, o departamento de Intervención emitira un informe técnico asegurando, entre outras explicacións, que no caso de atender as propostas do BNG os orzamentos quedarían desequilibrados, polo que o Concello tería máis gastos que ingresos e caería nunha situación de déficit orzamentario.
“O seu argumento para defender as súas reclamacións aos presupostos non é técnico nin fala de números que, segundo el, deben ser a súa especialidade, senón que recorre a desacreditacións e a críticas a traballadores municipais, que non deben ser nunca o branco da oposición xa que eles non entran na actividade política”.