Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo seguirá adiante coa tramitación do expediente de rescisión de contrato á UTE que realizaba as obras no pavillón

O CONCELLO SEGUIRÁ ADIANTE COA TRAMITACIÓN DO EXPEDIENTE DE RESCISIÓN DE CONTRATO Á UTE QUE REALIZABA AS OBRAS DO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO. FERNANDO SUÁREZ SUBLIÑOU QUE SE TRABALLA PARA AXILIZAR ESTE ASUNTO E QUE A INSTALACIÓN SEXA UNHA REALIDADE O ANTES POSIBLE.

Ribadeo, 16 de xaneiro de 2013. Cos votos a favor de BNG e PSOE e a abstención de PP e UPRI aprobouse seguir adiante coa tramitación do expediente de rescisión de contrato á UTE que realizaba as obras do pavillón polideportivo municipal. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que moitas alegacións das plantexadas por esa UTE baseábanse en argumentos deplorables e considera que foron presentadas de mala fé. O Concello traballa para axilizar este asunto e que o pavillón sexa unha realidade o antes posible.

O rexedor referiuse ao pleno ordinario de onte e explicou que “o asunto máis destacado foi este no que o pleno acorda seguir a tramitación do expediente de rescisión do contrato con esta UTE, con estas dúas empresas, que levaron a adxudicación do pavillón polideportivo municipal e que se comprometeron a facelo nun prazo de doce meses. O tempo pasou, a obra non se rematou e, o que é máis grave, non hai trazas dado que a UTE non ten actividade desde hai tempo na obra. O que había que resolver eran as alegacións que a empresa fixera, unhas alegacións de moi mala fe con argumentos deplorables e incluso querendo derivar o foco de atención cara cuestións que para nada se sosteñen”.

Suárez Barcia sinalou que “a maioría do pleno decidiu aceptar os informes e as xustificacións técnicas tanto da dirección da obra como dos informes técnicos e xurídicos dos técnicos municipais. O trámite seguirá agora cun informe ao Consello Consultivo e unha vez que estea evacuado voltará ao pleno para que adopte a decisión definitiva no sentido de revocar o contrato ou non”.

O alcalde de Ribadeo considera que “esta é unha circunstancia longa e complexa, trátase dun contrato dunha contía importante, pero estamos traballando para resolver este contratempo, derivado entendo da situación económica que nos toca vivir: empresas que empezan as obras con certa solvencia e despois por circunstancias alleas ao contratista, neste caso o Concello, as empresas non poden cumprir os seus acordos e as obras quedan a medias. Teremos que tentar facer da maneira máis áxil posible para que canto antes este contrato quede roto, licitar de novo esta obra e que se remate no menor tempo posible para que os veciños deste concello poidan desfrutar dun pavillón necesario”. Fernando Suárez lembrou que “as antigas instalacións non daban máis de sí e as recomendacións técnicas aconsellaban o peche e a demolición porque non cumpría as medidas de seguridade mínima que a día de hoxe debe ter unha instalación deportiva”.

No capítulo de rogos e preguntas “o portavoz do PSOE plantexou un rogo no sentido de que por parte do goberno municipal se valore a posibilidade de redactar un regulamento de participación no pleno. Ímolo mirar con detalle, desde aquí eu convido a todo o mundo para que acudan aos plenos e que vexan cal é posición de cada grupo da Corporación Municipal. Ás veces si as sesións son moi longas somos cuestionados pola oposición porque se fan eternas, a pesares de que se deixa falar e a ninguén se lle corta o uso da palabra. Moitas veces son longos ata a extenuación. E outras veces si se fan curtos tamén somos acusados por algúns membros da oposición de que son curtos en demasía”, seguiu a relatar o alcalde. Este engadiu que “entón quizais poida que teña razón o portavoz do PSOE e neste Concello, igual que noutros moitos, deba facerse un regulamento de participación nos plenos, cuns tempos tasados para todos e cos mesmos dereitos para todos. E así veremos si se nos deixa de criticar por parte dalgúns membros da oposición porque realmente un xa non sabe que facer, si deixo falar moito porque deixo falar moito e si deixo falar pouco porque deixo falar pouco. Quizais este regulamento nos axude a atopar un termo medio que nos sirva a todos”.

Exit mobile version