Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo responde a Balseiro e pídelle que non falte ao “respecto” aos e ás ribadenses que pediron a residencia

O BNG DE RIBADEO RESPONDE A BALSEIRO E PÍDELLE QUE NON FALTE AO RESPECTO AOS E ÁS RIBADENSES QUE PEDIRON NA RÚA A RESIDENCIA PARA RIBADEO

Manifestamos de novo a nosa sorpresa polas declaracións dos dirixentes locais do Partido Popular en relación a temas de importancia e interese xeral para Ribadeo. Neste caso o señor Balseiro, deputado do PP pola Mariña, chama “pancarteiros e crispadores a quen, de forma conxunta e notablemente numerosa, nos manifestamos na rúa hai xa varios meses para demandar unha residencia da terceira idade en Ribadeo.

Chama a atención este desprezo, e desde logo, entendemos que é necesario lembrarlle ao señor Balseiro varias cuestións. A primeira, que se houbo unha mobilización tan numerosa en Ribadeo foi porque a conselleira de Benestar da Xunta non quixo recibir á Plataforma veciñal que demanda a Residencia, e polo tanto a xente considerou que había que mostrar na rúa o apoio social que esta solicitude ten en Ribadeo. A segunda, que membros do PP de Ribadeo – e en concreto os concelleiros Valín e Yáñez-­‐ participaron desa manifestación, contradicindo as ordes do seu partido. Non sabemos se cando Balseiro fala de pancarteros e crispadores se refire tamén aos seus compañeiros de partido. A terceira, que sería boa cousa que as e os ribadenses tivesen claro cal é a postura do PP de Ribadeo e quen manda realmente nel, para saber a quen lle hai que facer caso: se a Balseiro, se ao dúo Vega e López Penabad, se ao señor Valín. Unha vez se aclaren entre eles quizais se poñan despois a traballar a favor da Residencia e doutros temas de vital importancia para o Ribadeo do futuro.

Finalmente, pediriámoslle ao PP que deixe de enredar e de facer politiqueo cun tema no que todas e todos en Ribadeo estabamos de acordo que había que deixar á marxe da disputa política. A Residencia é unha demanda que suscita o apoio de todas as forzas políticas e colectivos, cando menos até o de agora. Foi esta semana, cando o PP rompe o consenso existente e falta ao respecto á Plataforma pola súa forma de proceder, de costas á mesma e buscando réditos políticos. Están a tempo de reflexionar e de cambiar a súa maneira de actuación.

Exit mobile version