O BNG DA MARIÑA AMOSA O SEU REXEITAMENTO AOS PLANS DA CONSELLERÍA DE SANIDADE DE SUPRIMIR A ÁREA SANITARIA DA COSTA
Antonio Veiga denuncia que a xestión integrada non mellorará a atención dos pacientes como se asegura dende a Xunta de Galiza
“Os modelos sanitarios do PP limitan os dereitos dos veciños e veciñas das comarcas e condénaos a acceder a unha sanidade de segundo nivel”
A Mariña, 16 de xaneiro de 2013. Antonio Veiga, responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Nacionalista (BNG) da Mariña, amosou, esta mañá, o rexeitamento da formación que representa contra os plans da Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza de estender a xestión integrada a toda Galiza, medida que tería especial incidencia na provincia de Lugo e que suporía a desaparición das áreas sanitarias de A Mariña e Monforte.
Veiga insistiu en que “esta medida é un paso máis cara o desmantelamento do sistema sanitario e a súa centralización e lonxe de mellorar a atención dos pacientes, como anunciou a conselleira, Raquel Mosquera, suporá una limitación de dereitos sanitarios e reducirá a seguridade sanitaria dos mariñáns. A xestión integrada situará a sanidade do país en niveis de hai 25 anos e converterá aos hospitais comarcais de Burela e Monforte en sucursais do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, xa sobrecargado e no que, con seguridade, aumentarán as listas de espera, se a Xunta prosigue co seu plan”.
Nesta liña, o responsábel comarcal dos nacionalistas chamou aos mariñáns a mobilizarse, xa que cando o Goberno galego anunciou a súa intención de suprimir a área sanitaria da Costa, a iniciativa foi paralizada pola alta mobilización social aínda que tamén pola cercanía de varios períodos electorais.
O responsábel comarcal do Bloque pediu á Consellería de Sanidade que rectifique, xa que “o modelo sanitario que está propoñendo o Partido Popular condena aos veciños e veciñas das comarcas a acceder a unha sanidade de segunda categoría fronte á que se ofrece nas capitais da provincia, ademais de que complicará a xestión en canto será necesario compartir recursos e afectará, tamén, ao persoal sanitario que sufrirá traslados forzosos”.