FEGADACE e Adace-Lugo organizan un curso sobre dano cerebral adquirido
A semana que vén, os días 21 e 23 de xaneiro, celébrase no Hospital Lucus Augusti de Lugo un curso sobre dano cerebral adquirido (DCA). A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) organiza esta actividade formativa en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dependente do Sergas, e coa axuda de Adace, a asociación de dano cerebral de Lugo. O obxectivo deste curso é mellorar a formación da contorna social das persoas con dano cerebral para incrementar a calidade dos coidados, e fomentar a autonomía de todos os membros da familia na que se dá esta discapacidade.
O curso sobre dano cerebral está dividido en dous obradoiros. O ‘Obradoiro para coidadores de persoas con dano cerebral adquirido’ vai ter lugar o vindeiro luns, día 21 de xaneiro. Comeza cunha charla sobre a ‘Información e Orientación dende o traballo social’, impartida pola directora de Adace-Lugo, Vanesa Mariño. A continuación tratarase o ‘Apoio rehabilitador e tarefas do coidador principal’ co fisioterapeuta Juan José Eiroa Bermúdeza, a psicóloga de Adace-Lugo Luisa López, e a logopeda da mesma entidade Sabela Veiga.
O segundo dos obradoiros, ‘Do domicilio ao ámbito social no dano cerebral adquirido’, está programado para o mércores, 23 de xaneiro. Comeza cunha sesión sobre ‘Promoción da autonomía, ocio e tempo libre nas persoas con DCA’, que vai tratar a terapeuta ocupacional de Adace-Lugo Almudena Almeida. A seguir, o psicólogo clínico do CHUAC Javier Sardiña falará sobre ‘O síndrome Burn-out nos coidadores principais. Pautas para afrontalo’.
Ambos os dous obradoiros terán o mesmo horario, de 16:00 a 20:00 hh., e o mesmo lugar de celebración: a sala 304 do Hospital Lucus Augusti de Lugo, no 3º andar. A asistencia é gratuíta, o aforo limitado, e a inscrición pode realizarse a través de internet na páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns: http://www.sergas.es/EscolaSaude/ (en Actividades Docentes).
Este é o segundo ano no que a Escola Galega de Saúde para Cidadáns e FEGADACE colaboran en actividades formativas, pensadas para estender o coñecemento social do dano cerebral e incrementar a calidade da atención e os coidados que reciben as persoas afectadas.
A Federación Galega de Dano Cerebral constituíuse en 2007 polas cinco asociacións que traballan en Galicia: Adaceco na Coruña, Adace en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O obxectivo da Federación é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas afectadas polo dano cerebral.