Días pasados tivo lugar en Foz a X Festa do Chícaro, o humilde e saboroso marisco bivalvo ao que os forasteiros chaman berberecho. Iniciouse cun fermoso, orixinal e emotivo pregón que con galanura e simpatía levaron a cabo pai e fillo da saga que na vila personifica o motivo da efeméride a través do apodo familiar e entrañable de Os Chícaros que fixeron as ledicias dun público numeroso que enchía a Casa da Cultura
É certo que os actos víronse parcialmente deslucidos polo temporal que arreciou; pero a eventualidade, imprevisible e inevitable, non desmereceu os acertos dunha organización que, sen dispendio, logrou un festexo digno e satisfactorio para a cidadanía, demostrando que facer as cousas, e ben, non é só cuestión de mais cartos…
Os cantos de taberna, sufriu tamén os prexuízos da climatoloxía; unha mágoa porque é expresión de fonda tradición aínda que hoxe en día, ao igual que en todas partes, a mocidade absorta nas novas tecnoloxías, esqueceu cantar. Son os signos dos tempos.
Acaso fose polos 50/60 do século pasado cando na vila se prodigaron mais os cantos de taberna. Avezados e xoves mariñeiros, posuidores de fermosas voces, tiñan nas cantigas o leiv motiv das súas xuntanzas, da amistosa convivencia: Mancha, Chingla, Alberto, Normando, Suso da Ramallada, Paco da Laia, Saturno, Moncho da Cacarela e moitos outros formaban o elenco das actuacións espontáneas, que moitas veces, nas noites de luar, en tempos de romántica vivencia, tiñan extensión na serenata do amador ou aspirante, baixo a fiestra dalgunha fermosa: “Despierta dulce amor de mi vida/ Despierta si te encuentras dormida:/ Escucha mi voz/ vibrar bajo tu ventana/ que en esta canción/ te vengo a entregar el alma./ Perdona si interrumpo tu sueño; /pero no pude más y esta noche te vengo a decir:¡te quiero! “, ou aquela de tanto candor: “Miña ruliña; meu pensamento/miña ruliña do meu tormento:/eiche cantar miña nena/ non te quero despertar/ pra que mañán os teus ollos / teñan un doce mirar…”.
A nostalxia invade a lembranza dos días de mocidade…
Suso Fernández