ANTONIO VEIGA DENUNCIA QUE OS DESEMPREGADOS DA COMARCA DA MARIÑA SUPOÑEN XA A CUARTA PARTE DOS PARADOS DE TODA A PROVINCIA
“O paro aumentou en todos e cada un dos concellos mariñáns en 2011 e en 2012 por mor dos feches de factorías claves para o tecido industrial da comarca diante dos que a Xunta nin moveu un dedo” – lembrou o responsábel comarcal do BNG
A formación nacionalista lamenta a deixadez do goberno galego diante de “desempregos que pertencen a familias que teñen a todos os seus membros no paro e non reciben prestación algunha”
A Mariña, 15 de xaneiro de 2013. Antonio Veiga, responsable comarcal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Mariña, valorou, esta mañá, os datos do desemprego na comarca e responsabilizou ao Goberno galego da sangría do paro e da “dramática” situación pola que atravesan xa moitas familias tras o feche de factorías que eran claves para o tecido industrial e diante dos cales a Xunta prometeu plans compensatorios que aínda non se recibiron.
Durante os dous últimos anos, empresas fundamentais para a estrutura económica da Mariña botaron o feche ou se viron afectadas por expedientes de regulación ou procesos concursais como son os casos de Ecar en Mondoñedo, Hermida en Lourenzá, Mon en Burela, Cemar ou Sargadelos, provocando que os desempregados e desempregadas da comarca supoñan xa unha cuarta parte de todos os parados da provincia.
Veiga lembrou que “a finais de 2012 o número de parados e paradas lucenses ascendeu a 27.939, 2,534 persoas máis que a finais de 2011, cun aumento porcentual do 9,97%, o maior de toda Galiza. A pesar do dramatismo que se esconde tras estas cifras, o Executivo galego permanece impasíbel e as compensacións que prometeu para paliar a situación nunca chegaron e todo indica que non chegarán, demostrando, unha vez máis, o trato discriminatorio que o Partido Popular ofrece aos mariñáns”.
Neste senso, o responsábel da formación nacionalista insistiu que “o abandono que sofre a Mariña por parte da Xunta de Galiza queda patente, tamén, nos seus orzamentos para este ano 2013, e non temos dúbidas de que coa falla de actuación do goberno e as súas políticas neglixentes o desemprego seguirá incrementándose ao longo de todo este exercicio que vén de iniciarse. Ademais, as partidas orzamentarias dedicadas a Sanidade decretan que non se acometerá a tan prometida, por parte do presidente dos galegos, Alberto Núñez Feijóo, ampliación da hospital da Costa de Burela, co que iso supón para a seguridade sanitaria e o benestar dos mariñáns, ademais de que enfermos con patoloxías graves como cancro seguirán tendo que viaxar ao hospital de Lugo para poder recibir tratamentos que son fundamentais para o control da enfermidade”.
“O que o Partido Popular está a facer coa Mariña -insistiu Veiga- é deixala sen oportunidades obrigando aos mariñáns a abandonar a comarca en busca de novas oportunidades laborais, sanitarias e tamén educativas”.