Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Fuente solicitará ao vicepresidente da Deputación que asine un convenio para a adquisición de material ortoprotésico

ALFONSO FUENTE SOLICITARALLE AO VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO QUE ASINE UN CONVENIO CON ESTE CONCELLO PARA A ADQUISICIÓN DE MATERIAL ORTOPROTÉSICO. O REXEDOR DI QUE “EN BARREIROS OS PRÉSTAMOS DESTES APARATOS VÉÑENSE FACENDO DESDE O ANO 2007”.

Barreiros, 10 de xaneiro de 2013. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, solicitaralle ao vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, que asine un convenio con este Concello para a adquisición de material ortorprotésico. Fuente Parga subliñou que “os préstamos destes aparatos ás familias barreirenses véñense facendo desde o 2007”.

O rexedor amosouse sorprendido ao ver que o Concello de Ribadeo en colaboración coa Área de Benestar Social da Deputación Provincial de Lugo anunciaban hai un par de días a posta en marcha dun banco de préstamo de material ortoprotésico un municipio veciño, “incluso dicían que son pioneiros na Mariña e iso nos sorprendeu porque en Barreiros desde o 2007 estamos a realizar este tipo de préstamos aos veciños e ás veciñas. Aquí contamos con sete camas eléctricas, con cadeiras de rodas, muletas, colchóns antiescaras, andadores e unha grúa eléctrica”.

Fuente Parga explicou que “á vista de que naquel momento non tivemos ningunha axuda da Deputación Provincial e agora esta institución á través da Área de Benestar Social está a subvencionar a compra deste material. Nós convidamos ao noso veciño Antonio Veiga, que é barreirense, a asinar un convenio coma o de Ribadeo”. O alcalde dixo que “nós non queremos ser máis, pero tampouco menos que os veciños de Ribadeo. E si en Ribadeo a axuda supón sobre un euro por habitante, nós pedimos o mesmo un euro por habitante. Serían uns 3.000 euros o que nos tería que aportar a Área de Benestar Social. Iso nos serviría para incrementar os medios cos que xa contamos desde o 2007”.

Alfonso Fuente engadiu que “lle faremos saber ao vicepresidente da Deputación que si estes convenios se asinan con outros Concellos que se faga tamén con Barreiros. E animo ao resto dos Concellos da Mariña a que fagan o mesmo. Para nós é unha experiencia moi positiva poder facer estes préstamos e que as familias non teñan que facer investimentos nestes materiais, que en moitos casos son temporais desgraciadamente”. Ao rexedor de Barreiros parécelle “unha boa decisión a adoptada polo alcalde de Ribadeo, porque nós desde o 2007 o vimos facendo e é unha experiencia positiva e convidaremos á Deputación Provincial a colaborar tamén cos veciños de Barreiros”.

Exit mobile version