ADEGA-LUGO LEVARANOS DE ROTEIRO ESTE DOMINGO AO PICO SACRO
Lugo, a 16 de xaneiro de 2013.- Este domingo día 20 de xaneiro, ADEGA Lugo levaranos de roteiro ao Pico Sacro, outro dos lugares máxicos da nosa xeografía que forma parte do programa de roteiros da Galiza Máxica 2012-1013. Este emblemático elemento xeomorfolóxico pertence ao concello de Boqueixón e marca a última etapa da Ruta da Prata cara a Santiago. Está considerado o monte máxico de Galiza e lugar de morada da Raíña Lupa. Para reservar praza debedes chamar previamente ao 679113718 ou ao 982240299. Desta volta, o autobús fará unha parada en Compostela previa á andaina, ás 10.30 horas da mañá.
O percorrido será de 12 quilómetros e de dificultade media. O punto de encontro será en Lestedo (Boqueixón) no Centro de Interpretación do Pico Sacro. Subindo ao cumio deste lugar mítico teremos unha fermosa panorámica da bisbarra, e coñeceremos varios elementos asociados ás lendas do lugar: Rúa da Raíña Lupa, uns enigmáticos buratos escavados na pedra, a capela de San Sebastián, etc. Baixaremos dende o Pico pola aldea da Granxa e continuaremos o roteiro pola beira dos ríos Pontillón e O Codeso. Entre a súa frondosa vexetación de ribeira toparémonos con fontes milagreiras, muÍños, capelas e fermosas fervenzas.
O PICO SACRO: UN LUGAR DE LENDA
Este emblemático elemento xeomorfolóxico pertence ao concello de Boqueixón e marca a última etapa da Ruta da Prata cara a Santiago. Está considerado o monte máxico de Galicia e lugar de morada da Raíña Lupa, conservándose varios topónimos alusivos á súa presenza: Pazo, Horta e Rúa da Raíña Lupa. Son moitos os elementos da tradición oral asociados ao Pico: misteriosas covas, serpes, mouros, etc. A lenda xacobea describe a intervención da Raíña Lupa na chegada dos restos do Apóstolo Santiago a Galicia, recollida no Códice Calixtino. Tralo desembarco do corpo do Apóstolo en Iria Flavia, os seus discípulos solicitaron a axuda da Raíña para que lles facilitara un carro e uns bois. Esta envioulles uns bois bravos e un dragón. As oracións dos acompañantes do Apóstolo supuxeron a morte do dragón e que os bois se volvesen mansos. Asombrada pola transformación, a Raíña Lupa converteuse ao cristianismo, e ofreceulles o lugar de Campus Stellae para o soterramento. O monte no que se obrara o milagre pasou a coñecerse como Montesagro, Montem Sacrum, Mons Sacer, Pico Sacro… Co tempo, construíuse no Pico un mosteiro, un torreón e algunhas capelas. Hoxe en día sigue sendo lugar de peregrinación e a xente aínda continúa a reproducir moitos rituais do pasado.
PICO SACRO: SINGULARIDADE XEOLÓXICA
Nun país de granito e lousa destaca este gran dique de seixo que, ao tratarse dun material resistente á alteración, dá lugar á formación orográfica máis relevante da zona: a Serra do Pico. Esta intrusión mineral considérase froito da colisión dos supracontinetes Gondwana e Laurasia hai uns centos de millóns de anos. O seixo desta Serra está sendo explotado na mina de Serrabal, que foi nos últimos anos obxecto dunha batalla política e social. O gran dique de seixo está fracturado por unha falla transversal, na que se encaixa o río Ulla.
É moi destacable tamén a presenza deste lugar dunha serie de covas míticas que tradicionalmente se asociaron á procura de tesouros. Tras rigorosos estudos, membros do club de espeleoloxía Maúxo de Vigo consideran que se trata de covas de orixe natural, asociadas aos procesos tectónicos, aínda que tamén puideron ser obxecto dalgunha intervención humana. Figuran entre as covas máis grandes do mundo neste tipo de material xeolóxico.
SAÍDA
O autobús sairá de diante da Facultade de Formación do Profesorado (Av. Ramón Ferreiro) de Lugo ás 9.00 h. Está previsto que ás 10.30 horas faga unha parada no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela para recoller a máis persoas. En todos os casos haberá que reservar praza chamando antes do venres ao 982240299 ou ao 679113718.
PREZOS
Xeral: 15€
Estudantes, xubilados e no paro: 12€
Socios/as: 10€
Ata 17 anos: 5€