Site icon Crónica3.com A Mariña

A plataforma “Queremos galego” manifestarase cun acto lúdico e reivindicativo o vindeiro día 13 en Ribadeo

QUEREMOS GALEGO PROMOCIONA A MANIFESTACIÓN A PROL DA LINGUA CUN ACTO LÚDICO E REIVINDICATIVO EN RIBADEO

O próximo 27 deste mes de xaneiro está convocada unha manifestación en Santiago en defensa do galego, o idioma que nos une.

A razón é que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza determinou recentemente en varias sentenzas que os principais piares sobre os que se asenta o mal chamado “decreto do plurilingüismo” son ilegais. Ademais, indicoulle tamén ao Goberno galego que debe realizar unha política de promoción do idioma propio do país de acordo co estipulado pola Lei de normalización lingüística.

Nesa manifestación pediráselle ao Goberno galego a derrogación inmediata dese decreto e a promulgación dunha nova norma que se basee no acordado por unanimidade parlamentar no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Para presentar e promocionar publicamente esa protesta, Queremos Galego organiza en Ribadeo un acto público con música, xogos e lectura de citas de autores recoñecidos pola defensa que fixeron do noso idioma. Será nas Catro Rúas, o próximo domingo, día 13, de 12 a 14 horas.

Desde Queremos Galego da Mariña convidamos a toda a cidadanía a sumarse a este acto, e tamén á manifestación de Santiago, para a que se disporá de autobuses desde todos os puntos da comarca.

Exit mobile version