Site icon Crónica3.com A Mariña

A Federación Galega de Dano Cerebral intégrase na rede EAPN contra a pobreza

Co obxectivo de defender da exclusión social ás persoas con discapacidade

A Federación Galega de Dano Cerebral intégrase na rede EAPN contra a pobreza

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) integrouse este mes de xaneiro en EAPN Galicia, a Rede Galega Contra a Pobreza. Coa súa participación nesta rede, FEGADACE pretende defender do risco de exclusión social ás persoas con discapacidade, ao tempo que contribúe ao labor de EAPN na loita contra a pobreza.

As persoas con dano cerebral adquirido, así como todo o colectivo da discapacidade, padecen un risco de exclusión social moito maior que o da poboación xeral. Aos gastos derivados das súas particulares necesidades de medicación, adaptación do fogar, materiais ortoprotésicos, terapias, etc., súmase a imposibilidade ou enorme dificultade de acceder a un posto de traballo. Esta situación esténdese aos seus familiares, que moitas veces teñen que deixar de traballar fóra da casa para ocuparse do coidado da persoa afectada.

A situación de por si grave deste colectivo estase vendo agravada por causa da crise económica e das políticas de recortes en materia social e sanitaria. Estes provocan un descenso dos ingresos das familias e, por tanto, increméntase aínda máis o perigo de exclusión das persoas con discapacidade e da súa contorna social.

Segundo os datos da ‘Sociedad Española de Medicina Geriátrica’, o custe da discapacidade moderada (cando a limitación da actividade diaria é parcial) está en torno ao 40% da renda do fogar. No caso de persoas con discapacidade severa, este custe elévase ata o 70%.

EAPN (European Anti-Poverty Network) é unha rede creada pola Comisión Europea para “introducir a problemática da exclusión social na axenda política da UE e promover así a implementación de medidas efectivas que axuden a paliar a mesma.” En 2008 créase a sucursal galega, da que, incluíndo a Federación Galega de Dano Cerebral, fan parte 16 entidades, entre elas Cogami, Cáritas, Feafes Galicia, Fundación Secretariado Xitano ou Down Galicia.

A Federación Galega de Dano Cerebral constituíuse en 2007 polas cinco asociacións que traballan en Galicia: Adaceco na Coruña, Adace en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O obxectivo da Federación é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas afectadas polo dano cerebral.

Exit mobile version