CONSTITUÍDA A COMISIÓN QUE SE ENCARGARÁ DE ORGANIZAR O ENTROIDO DE 2013 E 2014. A VINDEIRA XUNTANZA PARA IR PERFILANDO O PROGRAMA SERÁ O 16 DE XANEIRO, SEGUNDO A CONCELLEIRA DE CULTURA, MÓNICA PEDRE.
Burela, 10 de xaneiro de 2013. O Concello comprometeuse a aportar para a alfombra das festas patronais o mesmo que o ano pasado. Ademais quedou constituída a comisión que se encargará de organizar os actos do entroido de 2013 e 2014.
Pedre relatou que “na xuntanza que mantivemos onte pola tarde no Concello entre a comisión de festas de Burela, a comisión que se encargará de elaborar a alfombra floral e o alcalde, púxose de manifesto que o Concello, como mínimo, aportará para a alfombra deste 2013 o mesmo que o ano pasado, poñendo a disposición da comisión da alfombra todos os recursos existentes”.
Na tarde de onte tamén tivo lugar unha reunión coas asociacións para a organización do entroido. A concelleira de Cultura indicou que “se creou unha comisión formada por catro colectivos representativos, que serán xunto co Concello, os encargados de levar o peso da organización e actuarán de transmisores cos colectivos máis afíns en canto a obxectivos. O vindeiro 16 de xaneiro voltaremos a ter un encontro para ver as posibles actividades a realizar”. E como novidade adiantou que “en principio esta comisión seguirá a funcionar despois do entroido para preparar xa o do 2014”.
Comedores escolares
Por outra banda hoxe foron aprobadas as bases para a contratación de catro coidadores para os comedores escolares, “co obxectivo de cubrir os postos doutras tantas coidadoras que por distintos motivos causaron baixa. As bases non puideron aprobarse antes por cuestións de tipo xurídico, e aínda que as persoas que cubran eses postos está previsto que se incorporen canto antes, mentres iso non ocorra o Concello arbitrará unha fórmula para que alomenos durante a hora da comida os nenos e nenas dos dous CEIPS estean debidamente atendidos”, sinalou Mónica Pedre.
A tamén concelleira de Educación manifestou que “isto volve demostrar a sensibilidade do equipo de goberno do PP coa educación e coa conciliación da vida laboral e familiar”.