VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN DEBATERÁ COS ALCALDES COMO GARANTIR A PRESTACIÓN DO SERVIZO DE TELEASISTENCIA DOMICILIARIA
Lugo, 10 de decembro de 2012. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo convocou para mañá, martes 11 de decembro, no Museo Provincial, a todos os alcaldes da provincia para tratar o futuro do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria tras a decisión do Goberno do Estado de eliminar dos Orzamentos Xerais para 2013 a partida que o Ministerio de Sanidade, Asuntos Sociais e Igualdade, a través do IMSERSO, dedicaba ao cofinanciamento de dito servizo e, tamén, da falla de resposta da Xunta de Galiza para asumir o 65 por cento do seu custe.
O vicepresidente e delegado de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, e o delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, debaterán cos rexedores municipais sobre as diferentes alternativas que se plantexarán e grazas as cales se podería seguir mantendo o Servizo de Teleasistencia, xa que a institución provincial seguirá aportando o 35% do custe como xa viña facendo en anos anteriores.
Non chegar a un acordo a este respecto suporía pór en risco a atención de máis de 1.500 usuarios e usuarias en toda a provincia que, ademais, constitúen un grupo vulnerábel e en risco de exclusión ao estar formado, na súa maioría, por mulleres que viven soas e que superan a media de idade de 80 anos.