O medalleiro internacional agasallou o vestiario laranxa por partida dobre no recente Campionato Mundial de Fútbol Sala Feminino de Portugal (3-9 de decembro). Dende onte xa están en Burela a canarinha Jozi, como tricampioa do Mundo tras derrotar a Portugal (3-0), e Peque, que se alzou co bronce nas filas vermellas fronte a Rusia (1-0).
Ambas as xogadoras, cun percorrido de vertixe no compromiso luso, amosáronse exultantes ao seu regreso á Mariña. “Foi o meu mellor mundial” dixo rotundamente a brasileira: “Levantei a copa coma coa mesma ilusión da primeira vez, coa satisfacción da miña actuación, xa que o ano pasado estiven algo lesionada, e polo equipo” engadiu Jozi, que destacou como as espiñas no camiño de rosas cara á final “a Portugal, nun encontro de fase na que nos dedicamos a estudar o rival para un futuro enfrontamento, e a Rusia (1-0) na semifinal, ante a que non soubemos xogar”. Noutro bando, Peque puido asinar cinco vitorias de seis: “Estou moi contenta pola experiencia de gozar coa selección neste campionato. Realizamos un gran traballo durante todo o torneo, sobre todo a nivel defensivo; en ataque temos que seguir progresando” analizou a ala-pivote.
A madrileña lamentou non optar a máis e felicitou a súa compañeira laranxa polo título: “Foi unha mágoa non chegar á final, sobre todo polas formas, xa que non fomos inferiores a Portugal, aínda que nos penaltis elas estiveron máis acertadas. Encantaríame disputar a final co Brasil e xogar contra Jozi, sería moi divertido. Ademais así o club tería dobre representación na final” dixo con certa nostalxia Peque. Neste sentimento tamén coincidiu Jozi, que sempre viu a Vermella “mellor ca Portugal”: “Se tivera que apostar faríao por unha final con España; foi unha sorpresa, aínda que na semifinal España quizás se amosou demasiado cauta e iso custoulle a clasificación”.
Jozi e Peque xa urden un hipotético enfrontamento internacional nun futuro, quen sabe?, talvez non tan afastado. “Seguiremos traballando e intentando mellorar para cando se presente a próxima oportunidade” proponse a madrileña.
Co periplo mundial xa arquivado, agora toca pensar no traballo ligueiro, longo e esixente, co Ciudad de Alcorcón (domingo 16, 13.00 horas) como próximo obxectivo do Burela FS Pescados Rubén para seguir no cumio de Primeira. “Os tres partidos que quedan da primeira volta poden encamiñarnos para facernos co título; xa nos toca” asegurou a porteira laranxa.