Os bombeiros de Barreiros reúnen 10.400 quilos de alimentos para as familias máis desfavorecidas dos 10 Concellos nos que prestan servizo
– Os profesionais do parque contra incendios entregan hoxe os produtos, entre os que hai 400 quilos de peixe fresco, ós Servizos Sociais municipais para que os distribúan entre as persoas que o necesiten
– Esta campaña solidaria foi a primeira das accións que os bombeiros de Barreiros pretenden levar adiante a través dunha asociación con fins sociais que pretenden crear
Os profesionais do Parque de Bombeiros de Barreiros lograron reunir a través de diversas accións solidarias uns 10.400 quilos de alimentos para distribuír este Nadal entre as familias máis necesitadas dos 10 Concellos nos que prestan servizo. O persoal do complexo contra incendios, posto en marcha polo Consorcio Provincial que integra Deputación de Lugo e Xunta de Galicia, entregarán ó longo da tarde deste venres ós Servizos Sociais destes municipios os produtos para que, como máximos coñecedores da realidade social dos seus Concellos, os distribúan entre as persoas que o necesiten.
Ademais dos alimentos de todo tipo recadados grazas á colaboración dos mariñanos, tanto con achegas en especie, como económicas, repartiranse 400 quilos de peixe fresco, en concreto, pescada, grazas á colaboración da organización Armadores de Burela.
Os Concellos aos que vai destinado o material son: Barreiros, Ribadeo, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, O Valadouro e Riotorto. Os produtos foron principalmente recollidos nun maratón de fútbol celebrado a pasada fin de semana no campo Torques de Marzán, en Foz, entre bombeiros dos parques de Barreiros, Viveiro, Vilalba e Lugo, ademais de Gardas Civís, Policías Locais e persoal dos servizos de Protección Civil e do 061 -todos eles de ditos 10 Concellos-. O bombeiros de Barreiros ocupáronse de recoller os alimentos e distribuílos en lotes, para logo entregarllos os Servizos Sociais municipais.
Esta campaña solidaria é a primeira das actividades que os bombeiros do Parque Comarcal de Barreiros pretenden levar a cabo a través dunha asociación con fins sociais que pretenden crear para axudar a persoas en risco de exclusión social da Mariña.