OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE A XESTIÓN DE RAJOY SÓ PROVOCOU “RECESIÓN ECONÓMICA, CRISE INSTITUCIONAL E DEPRESIÓN SOCIAL”
José Blanco e Ricardo Varela afirman que no primeiro ano de Goberno do PP “non hai una soa promesa que non traizoara nin que non estea disposto a traizoar”
Censuran que as subas de impostos e os recortes decretados polo Goberno do PP supuxeron unha perda superior aos 1.100 euros para unha familia media lucense
Lugo, 21 de decembro de 2012.- O parlamentario e o senador do PSdeG por Lugo, José Blanco e Ricardo Varela, respectivamente, denunciaron esta mañá que a xestión do primeiro ano de Goberno de Rajoy só serviu para provocar “recesión económica, crise institucional e depresión social”.
Nunha rolda de prensa convocada para facer balance do primeiro ano de Goberno do PP, ambos parlamentarios coincidiron ao denunciar que coa súa xestión aumentou o número de desempregados, a economía acelerou a súa caída e o déficit non se controlou, mentres que non houbo máis que recortes nos piares do estado do benestar: sanidade, educación, pensións e dependencia. “O Goberno do PP non está axustando as contas da economía, senon que está a realizar un axuste de contas ideolóxico co noso modelo de benestar e de convivencia”.
Segundo explicaron os parlamentarios, este foi un ano “de crise, recortes e suba de todos os impostos”. De feito, tal e como sinalaron, o incremento do IVA supúxolle a cada familia lucense ter que pagar 436 euros máis en media, mentre que o aumento do IRPF lle custou a cada lucense 250 euros, segundo os propios datos do Goberno.
“O Goberno endosoulle as súas facturas aos cidadáns, hoxe pagamos máis e recibimos menos”, situación que contrasta coa amnistía fiscal decretada para defraudadores. “O Goberno castiga aos traballadores e clases medias e protexe aos defraudadores”, pois calcularon que a unha familia media lucense os recortes e as subas de impostos lle supoñen máis de 1.100 € en media.
Sen embargo, estas subas de impostos non serviron para xerar máis emprego. A contrario, en Lugo hai 6.400 parados máis que cando entrou o PP a gobernar, un 34% máis, mentres que o número de ocupados caeu o dobre cá media. Nesa evolución tivo un papel destacado a reforma laboral, pois o número de traballadores que sufriu un ERE extintivo medrou na provincia un 73%.
O aumento da presión fiscal tampouco se traduciu nun pulo ao investimento produtivo, pois a provincia de Lugo e Galicia viviron un ano de parálise e retrasos. A Autovía do Cantábrico retrasouse dous anos, ao igual que a Autovía Lugo-Santiago. En canto á Autovía Lugo-Ourense, o Corredor San Cibrao-Barreiros ou a A-76 “desapareceron dos orzamentos co Partido Popular”, mentres que as obras da Variante da Pobra de San Xiao “languidecen”. “Non hai proxectos novos. E os que se manteñen van acabar sendo vellos por culpa dos retrasos do PP”, sinalaron.
De feito, Blanco apuntou que a baixa execución presupostaria non só vai retrasar aínda máis a conclusión do Eixe Atlántico de Alta Velocidade ou a conexión do AVE coa Meseta, senon que está a ter un impacto dramático no emprego, que concretou na perda de entre 15.000 e 20.000 postos de traballo.
Ambos parlamentarios denunciaron tamén a “política claramente antisocial, conservadora, thatcheriana” que evidenciaron cos recortes sanitarios. Lembraron que o Goberno aumentou o copago farmacéutico para todos os cidadáns e llelo impuxo por vez primeira na democracia aos pensionistas; excluiu 426 medicamentos do financiamento público e impuxo tamén o copago en próteses e desprazamentos en ambulancias, malia que o negaron “reiteradamente” na última campaña electoral.
Mención aparte merecen os pensionistas, un dos colectivos “máis golpeados” polo Goberno do PP. Para empezar, a non actualización das pensións e a non consolidación para o próximo ano vaille supor a cada pensionista lucense e galego unha perda media duns 350 €. En canto ao recorte na dependencia, non só excluiron a miles de dependentes das listas (uns 5.000 en Lugo, uns 30.000 en Galicia), senón que tamén lles recortaron os cartos das prestacións, de tal xeito que, segundo o Observatorio Estatal da Dependencia, cada dependente galego dispuxo de 285 € menos de media por culpa dos recortes.
Ademais, os pensionistas tamén sufriron a suba do IRPF. Uns 4.900 en Lugo e uns 47.000 en Galicia viron cómo o Goberno lles quitaba dos seus petos 255 euros por cabeza. E en canto á teleasistencia, o Goberno suprimiu a partida orzamentaria destinada a sufragar este servizo, endosándollo a outras administracións, o que repercute en 1.600 persoas en Lugo e seis mil en Galicia.
Polo que atinxe aos mozos, “recortáronlles as becas, subíronlles as taxas universitarias e suprimíronlle as axudas ao aluguer para novos solicitantes, mentres llas reducían un 30% aos que xa a percibían”, o que supón retirarlles 756 € ao ano aos 2.200 lucenses e 20.000 galegos que a mantiñan.
Asemade, ambos parlamentarios denunciaron a suba “inxusta” das taxas xudiciais, que leva a situacións como que se esixa o pago dunha taxa de 200 € para recorrer unha multa de tráfico de 100 €. E censuraron o ataque contra a rede de Paradores, que ten un papel “trascendental” na promoción dun turismo de calidade en Lugo e en Galicia.
Finalmente, concluiron que para Lugo e para Galicia “o Goberno do PP só trouxo recortes, retrasos, insolidariedade e inxustiza”.