O PSdeG de Lugo, “con máis traballo e máis ilusión ca nunca” despois do encontro coa militancia
O secretario de organización, Carlos González Santín, afirma que teñen “moitas propostas novas sobre a mesa coa crenza de que o mellor está por vir”, e valora “o compromiso” do secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro
O secretario de organización do PSdeG-PSOE de Lugo, Carlos González Santín, asegura que afrontan “esta etapa de cambios no partido” con “máis traballo e máis ilusión ca nunca” despois do encontro coa militancia deste sábado na Facultade de Veterinaria, ao que acudiron case un milleiro de persoas. “Temos por diante un tempo de debate de ideas, de construción en común e de apertura á militancia e á sociedade, con moitas propostas novas sobre a mesa e coa firme crenza de que o mellor está por vir”, afirma o socialista.
Desde o partido en Lugo xa traballan na elaboración dun documento inicial coas propostas que xurdiron nas case 50 intervencións de militantes do sábado, máis as ideas que foron aportadas a través duns 70 correos electrónicos que remitiron ao partido militantes e simpatizantes lucenses e de fóra da provincia. “Este documento será remitido ás agrupacións locais para empezar a debatir en grupos de traballo abertos á militancia, con ideas que abriremos á sociedade con reunións sectoriais”, explica González Santín. O obxectivo é “ter un documento final con propostas claras e postas en común, para que Lugo chegue ao Congreso galego cos deberes feitos”.
O secretario de organización lucense valora “o compromiso” do secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro. “Deu un paso adiante escoitando á militancia e ofrecendo a súa opinión e propostas novidosas ante os compañeiros e compañeiras, e é unha alegría escoitar o que non dubidabamos; que está comprometido co socialismo, coa militancia e coa sociedade, que quere ao partido e que asume responsabilidade, polo que cando chegue o momento dun proceso que aínda non está aberto, tamén estará aí disposto a dar un novo paso”.
González Santín destaca o encontro do sábado como “un formato novedoso que foi un éxito”, porque houbo “unha altísima participación”, con propostas “moi interesantes” que “moitos traían preparadas e traballadas de casa, o que significa que hai partido, hai canteira e hai gañas”. O socialista incide ademais no “clima absolutamente construtivo e respectuoso” do encontro, no que se falou “dos problemas reais que temos na provincia, en Galicia e na sociedade en xeral, e das ferramentas para arranxalos”.
No encontro do sábado, o PSdeG de Lugo tamén presentou un novo sitio web, www.psoeprovincialdelugo.com, que se suma aos perfís creados recentemente nas redes socias Twitter (@PsoeLugo) e Facebook (www.facebook.com/psoeprovinciallugo) como canles para a comunicación a través de internet.