Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Burla pide aforros en dietas, teléfonos e soldos dos concelleiros para axudar o comercio

Dende a Comisión Executiva do PSdG-PSOE de Burela sempre fomos da idea que “rectificar é de sabios”, dicimos isto en referencia á noticia que nestes días pasados aparecía nos medios con respecto a que o Concello de Burela tiña decidido contratar o alumeado de Nadal para estas próximas datas do Nadal. Dende o PSdG-PSOE de Burela entendemos que todas aquelas medidas que se tomen dende o Concello a favor do comercio do pobo son unha inversión no mesmo, por isto non nos doen prendas en dicir que este tipo de iniciativas, como sempre defendimos, son positivas e necesarias.

Entendendo que o equipo de goberno comeza a facer caso á oposición naquelas suxerencias que entendemos son boas para todos os veciños de veciñas de Burela, imos a darlle novas ideas para que as leve a cabo á maior brevidade posible:

1º.- Redución de unha das adicacións exclusivas do equipo de goberno.

2º.- Redución dos cartos destinados a dietas e desprazamentos, e de todos aqueles gastos improdutivos que se están a facer dende o equipo de goberno, como por exemplo un estudo enerxético no que se gastaron 18.400 euros (máis de 3.000.000 das antigas pesetas) do que aínda non houbo quen informara dos resultados do mesmo e o aforro que se vai a conseguir. Esperemos que o aforro que consiga sexa superior ó gasto no estudio, e que non nos deixe aínda máis as escuras do que estamos, para facer iso non fai falla gastar máis de tres millóns de pesetas nun estudio enerxético.

3º.- Redución da partida de telefonía do Concello que a todas luces nos parece máis que desproporcionada, non podemos entender como nos tempos que corren o Concello poida permitirse o luxo de gastar máis de 56.000 euros ( máis de 9.000.000 de pesetas) en teléfono.

Con todas estas medidas estamos convencidos que poderíamos dar axudas económicas a asociacións e clubs deportivos, e iluminar as nosas rúas, que máis aló de que con tan pouca iluminación de a impresión de estar nun pobo fantasma, en calquera momento, e ogallá non pase, imos a ter unha desgraza por culpa da mala visibilidade. Ademais de outras inversións en servizos sociais e para creación de emprego, que tanta falta fai.

Esperamos que estas propostas teñan tidas en conta polo equipo de goberno, e voltamos a poñernos a disposición do equipo de goberno cando queira falar de iniciativas que sexan boas para os nosos veciños e veciñas. Sempre nos terá para apoialas e consensualas, invitando deste xeito ó equipo de goberno de Burela a abandonar a súa maneira ditatorial e falta de diálogo maneira de facer política sen ter en conta para nada á oposición.

Exit mobile version