Val: “O PSdeG ten a responsabilidade de ofrecerlle aos cidadáns de Foz unha alternativa de goberno ao do PP”
“Como secretario xeral podo asumir que non o consigamos, pero non podo asumir non telo intentado e que os veciños nos lembren dentro dun tempo que non fomos quen de tratar de arranxar esta situación”, di o secretario xeral do PSdeG-PSOE en Foz
Val anuncia que xa lle trasladou á agrupación local a súa intención de deixar a acta de edil, que se materializará despois do pleno deste mes de decembro. “A elección desta data non é casual, cremos fundamental que quen defendeu a posición do Partido Socialista nun tema tan sensible como o da depuradora debe de facelo no pleno vindeiro”, explicou.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE en Foz e deputado autonómico, José Ramón Val, fixo pública hoxe en rolda de prensa a súa intención de presentar a renuncia á súa acta como edil do concello e de anunciar “de forma transparente e aberta aos cidadáns” a “intención de iniciar unha rolda de contactos coas outras formacións políticas” porque “é responsabilidade do PSdeG ofrecerlles aos cidadáns unha alternativa de goberno ao do PP”. Despois de definir o PP no municipio como “un goberno que se amosou neste ano e medio máis interesado en corrixir o gasto e as cifras do concello como institución que nas familias, ás que tentou atacar directamente ó bolsillo con subas de impostos”, asegurou que os socialistas van “intentar dar unha alternativa” ao PP. “Como secretario xeral podo asumir que non o consigamos, pero non podo asumir non telo intentado e que os veciños nos lembren dentro dun tempo que non fomos quen de tratar de arranxar esta situación”, destacou.
“A agrupación Socialista de Foz é unha organización forte cun número importante de afiliados, unha agrupación que ostenta o grupo maioritario da oposición no noso Concello, un grupo o noso que sempre tivo e terá vocación de goberno, por iso cremos que é responsabilidade nosa ser capaces de ofrecer alternativas, e por iso dentro do Partido temos aberto xa un periodo de reflexión interna, un periodo de reflexión responsable, serio e transparente”, afirmou Val, que destacou que “Foz non se merece nin pode permitirse un goberno sen capacidade de xestión que non dialoga, falto de ideas e de proxectos, pouco resolutivo, carente de sensibilidade social, que é incapaz de prestar atención ós colectivos máis desfavorecidos, que goberna para un poucos olvidándose dos problemas reais dos veciños”.
“Nòs pensamos, e eu persoalmente así o deixei claro o sábado na asamblea, que estamos nunha situación onde máis tarde ou máis cedo a cidadanía nos vai a pedir responsabilidades ós grupos da oposición, e nos vai a pedir responsabilidades por non ser capaces ou polo menos intentar, e aquí resalto a palabra intentar, dar unha alternativa de goberno distinta á do PP”, afirmou Val. O socialista falará cos outros grupos para “ver se coincidimos no análisis e ver se somo capaces de poñernos de acordo para ofrecer unha alternativa distinta poñendo por riba de todo os intereses dos veciños do noso concello que viron neste ano e medio como moitos dos servizos que tiñan deixaban de existir (ambulancia translados) e outros empeoraban considerablemente”.
José Ramón Val engadiu asimesmo que fai pública a súa intención neste momento, antes de deixar a acta como edil, “para que ninguén pense que isto é unha cuestión persoal nin unha intención de quítate ti para poñerme eu, senón que é un exercicio de responsabilidade que deben asumir os socialistas”.
Val trasladoulle o sábado día 15 á asamblea a súa renuncia á acta de edil, que se materializará despois do pleno deste mes de decembro. “A elección desta data non é casual, cremos fundamental que quen defendeu a posición do Partido Socialista nun tema tan sensible como o da depuradora debe de facelo no pleno vindeiro”, explicou.
“A primeira e única vez que o PP se interesou por algún en tema social nun ano e medio, foi cando este grupo lle esixiu como condición á aprobación dos presupostos a inclusión do plan de emprego”, lembrou Val, que fixo unha mención especial ao problema das depuradoras: “O alcalde e o equipo de goberno son capaces de alterar a paz social do concello para según din resolver un problema, cuxa solución parece que está agora en destruír, derrubar e enterrar unha inversión pública con menos de 5 anos feita con diñeiro de todos os contribuintes de mais de mil millons das antigas pesetas como son as depuradoras de Foz e Fazouro”.