O PSdeG de Lugo convoca por vez primeira un encontro aberto á participación activa de toda a militancia
O encontro Partido Aberto, Goberno Aberto ten como obxectivo escoitar o que teñen que dicir as bases e que participen na construción da nova etapa, e presentar medidas concretas para chegar á cidadanía desde o partido que serán aplicadas ademais nas institucións gobernadas polos socialistas
O PSdeG de Lugo, a través do seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, vén de convocar por vez primeira a toda a militancia da provincia para celebrar o vindeiro sábado día 15 desde as 10.30 horas o encontro Partido Aberto, Goberno Aberto, no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, coa fin de que os militantes participen activamente no debate e a construción dunha nova etapa.
Tal e como acordou o PSdeG lucense no último Comité Provincial, o partido está a marcar a súa propia folla de ruta desde Lugo para ter o traballo feito e contar con ideas claras e decididas entre todos cando chegue o Congreso autonómico. O principal obxectivo deste encontro é escoitar o que teñen que dicir as bases e presentar medidas concretas e novedosas para a apertura do partido á cidadanía e aos problemas da xente, que serán aplicadas ademais nas institucións gobernadas polos socialistas.
Todos os militantes poderán pedir a palabra nunha cita decisiva e totalmente aberta á participación directa. Ademais, o partido xa puxo a disposición de todos un correo electrónico para enviar comentarios e ideas por escrito para a xente que prefira esta fórmula. Deste xeito, o PSdeG de Lugo quere potenciar a construción dun novo camiño de abaixo cara arriba a seguir a ser un exemplo de unidade en Galicia con propostas concretas e consensuadas.