VEIGA AFIRMA QUE “A MARIÑA É UNHA FORTALEZA PARA CREAR UN PAQUETE TURÍSTICO LUCENSE CON MAR”
O vicepresidente afirmou isto na presentación do portal LugoTerra, que desde o 11 de xaneiro servirá de plataforma para que o sector turístico se promocione nos 4 xeodestinos lucenses, como é o caso da Mariña
Antonio Veiga lembrou que “As Catedrais son o segundo destino máis recoñecido de Galiza, despois da Catedral de Santiago, e hai que aproveitar o seu efecto imán”
Veiga destacou que “a Deputación pon a dispor do sector turístico lucense unha ferramenta web que será importantísima para que este poida posicionar as súas ofertas e iniciativas”
Tal e como explicou Antonio Veiga, “por unha banda, temos que aproveitar o efecto imán que ten para o turismo a praia das Catedrais, o segundo destino singular máis coñecido e visitado de Galiza, só por detrás da Catedral de Santiago. Por outra, é importante facer ver a fortaleza que ten a Mariña dentro do conxunto da provincia de Lugo porque permite crear oferta conxunta que inclúa mar, xa que, a nivel Estado, Lugo pasa moitas veces por unha provincia de interior”.
Centrándose no que será a propia estratexia web, Veiga afirmou que “no que si que queriamos facer especial fincapé, e no que cremos que a nova web significa unha revolución con respecto ao que se veu facendo ata o de agora, é que a través da web pretendemos lograr que as empresas do sector sexan as protagonistas. Para iso, a web contará cun directorio de profesionais no que o sector privado terá a posibilidade de promover as súas ofertas e experiencias de ocio (de natureza, culturais, gastronómicas, sexa cal sexa) grazas á plataforma da Deputación de Lugo. É dicir, a Área de Turismo da Deputación de Lugo pon os medios necesarios e son os profesionais quen fan uso desa plataforma para promocionar as súas experiencias. Isto realizarase tanto a través das empresas de comercialización como de axentes e entidades asociativas con implicación na actividade turística en toda a provincia. Isto vai ter unha importancia moi grande, xa que grazas a isto todos aqueles axentes turísticos dunha zona como A Mariña que se sumen á páxina estarán centralizados neste Xeodestino e cada visitante da páxina que propoña visitar esta zona da provincia poderá en poucos clics e con sinxeleza optar a todas as ofertas de actividades e experiencias de ocio que nesta zona desenvolve o sector turístico privado”.
Antonio Veiga informou de que o novo espazo web, que se abrirá o 11 de xaneiro xa que ata aquela data é preciso que o sector turístico se implique e propoña as súas ofertas á Deputación de Lugo para situalas na web, vai contar coa mesma división que fixo a Xunta de Galiza cos Xeodestinos, onde a nosa provincia queda dividida en 4 zonas que serían A Mariña, Lugo e a Terra Chá, Ancares – Caurel e a Ribeira Sacra. Polas características do territorio e polas similitudes das comarcas, ou máis ben pola inclusión dalgún concello nalgún xeodestino, quizás a división non sexa totalmente correcta pero preferimos traballar coas mesmas que a Xunta de Galiza, para non crear confusións e ter un criterio unificado na procura de destinos turísticos.
Ademais, Veiga anunciou que paralelamente a esta nova web estase a desenvolver outra chamada “LugoMove” que tamén operará no mesmo sentido que LugoTerra pero no plano cultural, é dicir, ser a ferramenta web para visualizar a oferta cultural de toda a provincia de xeito que todos os axentes culturais poidan colocar aí a súa programación e a xente que acuda ao portal poida ter información detallada do acontecer cultural en calquera punto da provincia, o que tamén terá unha repercusión en termos turísticos e de dinamización da economía.
Esta presentación enmárcase dentro da xeira de presentacións que se levan a cabo nos 4 xeodestinos estabelecidos para tratar de comezar coa promoción do propio espazo web e tamén espertar a iniciativa dos promotores turísticos e as empresas do sector para lograr que LugoTerra sexa un escaparate para todo o turismo lucense.