Site icon Crónica3.com A Mariña

O conselleiro de Economía avoga polo emprendemento sen aclarar como se financiarán as iniciativas empresariais nin como venderán os produtos

O CONSELLEIRO DE ECONOMÍA AVOGA POLO EMPRENDEMENTO COMO FÓRMULA PARA AVANZAR CARA O CRECEMENTO ECONÓMICO

Nunha visita a Fundación CEL de Lugo, avanza que a Xunta de Galicia introducirá novas medidas no IRPF para facilitar a actividade emprendedora, e aumentará a dedución xa existente para investimento en accións ou participacións de novas empresas
Resalta a importancia dos microcréditos destinados a facilitar os proxectos emprendedores

Lugo, 21 de decembro de 2012.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, avogou hoxe, durante unha visita a Fundación CEL, pola necesidade do emprendemento como fórmula para que Galicia poida “avanzar cara o crecemento económico”. “Para emprender é necesario asumir riscos –explicou-; por iso a Xunta non quere ter un simple labor de tutela neste campo, senón de impulso decidido”.

Neste contexto, Conde apuntou que o Goberno galego seguirá estimulando a innovación a través de incentivos directos ao crecemento que permitan que o aforro galego “se destine a financiar proxectos como os que nacen neste viveiro”, destacando o importante papel levado a cabo pola Fundación no fomento do espírito emprendedor na provincia de Lugo. Para incentivar a xeración de novos proxectos, “imos introducir novas medidas fiscais no IRPF que faciliten a actividade emprendedora –avanzou-, e incrementaremos a dedución xa existente para investimento en accións ou participacións de novas empresas”.

Esta iniciativas, segundo explicou o conselleiro, sumaranse a outras xa emprendidas durante a anterior lexislatura, como a aposta polos Clústers e os centros tecnolóxicos como instrumentos de innovación e internacionalización; a eliminación das trabas administrativas coa introdución do modelo de declaracións responsables; ou a redución do tempo de pago da administración autonómica.

Conde avogou por evitar que o temor ao fracaso sexa un dos principais atrancos á hora de emprender: “O emprendedor non está só, queremos acompañalo na aventura de emprender”, afirmou.

Para acadar este obxectivo, o responsable de Economía e Industria sinalou que seguirán activándose microcréditos que faciliten a financiación e a viabilidade dos proxectos emprendedores.

Exit mobile version