Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela asina un convenio con FADEMGA para asistencia deportiva a “Eu Son”

UN TÉCNICO DE DEPORTES TRABALLARÁ TRES DÍAS Á SEMANA EN EU SON, GRAZAS AO CONVENIO QUE ASINARÁ ESTA TARDE CON FADEMGA O ALCALDE E PRESIDENTE DO PADROADO DA FUNDACIÓN.

Burela, 10 de decembro de 2012. O alcalde e presidente da Fundación Eu Son, José Mª González Barcia, asinará esta tarde en Santiago, na sede de Fademga, un convenio que permitirá que un técnico de deportes traballe durante tres días á semana cos rapaces de dita Fundación.

Segundo explican desde Eu Son “o técnico de deportes realizará sesións de actividade física no pavillón e terapia psicomotriz no ximnasio do centro. Estará con nós tres día á semana, xa que será compartido con Aspaname de Viveiro”. E engaden que “éste é o terceiro ano que conseguimos este técnico de deportes, que costea Special Olympics Galicia. Para nós é moi positivo contar con este técnico externo para realizar actividades cos rapaces e rapazas de Eu Son, e ademáis sen costes adicionais para nós”.

O técnico de deportes comezará a traballar na Fundación Eu Son ao longo dos vindeiros días.

González Barcia sinala que “no padroado da Fundación e no Concello estamos moi satisfeitos do traballo que se realiza neste centro. É un traballo serio e rigoroso, tal e como avalan a sinatura deste convenio con Fademga ou a concesión hai uns meses do selo Artesanía de Galicia para as pezas que elaboran os alumnos e alumnas do centro ocupacional da Fundación Eu Son”. O rexedor engade que “en breve van vender on line os traballos que alí realizan, algo que é moi importante para eles”.

Exit mobile version