O Burela FS Pescados Rubén estreou a súa cuadrícula en Primeira con empate, na visita do Colegios Arenas Gáldar de Gran Canaria (2-2), nunha tarde na que a escuadra laranxa mereceu máis. Os mariñáns, que puxeron todas as súas cartas sobre a mesa, viron escapar a vitoria na recta final do encontro, en tan só dous minutos.
Desde o primeiro momento, os dous equipos ensinaron as uñas; ambos saíron a por todas, querendo o control do balón e exercendo unha defensa avanzada. A maior presión laranxa tivo o seu primeiro aviso antes de cumprirse o segundo minuto de xogo, cun disparo de Hugo, moi perigoso, que se estrelou contra o traveseiro. Rozando o ecuador, o Burela FS tivo dobre oportunidade de infarto, primeiro nas zapatillas de Iago Míguez a pase de Enrique e despois un dos grandes oportunistas da cita nos erros do rival, Dani Martín. Así, no minuto 12, estalou o xúbilo en Vista Alegre, con Iago Míguez perforando a malla insular (minuto 9), tras un roubo de Dani ao bordo da área burelista, con galopada incluída. A intensidade de ambos os conxuntos desencadeou en idas e vindas de infarto; roldando o minuto 16, o Pescados Rubén volveu asediar a meta de Dani Cabezón, con Christian nun corpo a corpo, e Enrique, dúas oportunidades desaproveitadas entre as que o Gáldar tamén xerou perigo á contra, aínda que aí estaba Iago Barro, preparado para frealo. A falta de 58 segundos para o descanso, Dani Martín volveu levantar os preto de 1.200 afeccionados que se deron cita na bomboneira, co 2-0, logo de varios rexeitamentos da defensa canaria. A nota negativa desta primeira parte para os de Julio Delgado foi a retirada de Nacho Pedraza, tras un esvarón sobre a pista.
O duelo renovouse con ambiente caldeado. Os laranxas tiveron que afanarse nunha defensa seria e meticulosa tras a aposta do Colegios Arenas polo xogo de cinco, cunha nova aparición de Iago Míguez, no cambio de porteiro, que a punto estivo de ampliar a vantaxe para os de Julio Delgado. O cadro mariñán neutralizou o perigo sobre a súa portería con rigorosidade e fíxolle desistir do porteiro-xogador ao rival, xa con cinco faltas acumuladas. Chegando ao último cuarto, as transicións rápidas e o precipitado cambio de posesión do esférico desencadeou nun maior protagonismo dos metas. En dous minutos (36 e 38), Aitor puido bater a Iago Barro para subir o empate 2-2, que volvía meter os canarios no partido para loitar polo triunfo. Julio Delgado solicitou tempo morto para saír a por todas, con André como porteiro-xogador, opción pola que tamén se decantou Suso Méndez. Nos últimos segundos, Christian, de disparo raso lixeiramente desviado, e André, nun lanzamento alto, esgotaron os cartuchos dos tres puntos. A bucina final soou con André freando o contraataque rival.