Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo di que lamenta a actitude de bronca e confrontación permanente na que caeu o PP

O BNG DE RIBADEO LAMENTA A ACTITUDE DE BRONCA E CONFRONTACIÓN PERMANENTE NA QUE CAEU O PP DESTA LOCALIDADE E PÍDELLE QUE RECAPACITE

Nun momento no que a cidadanía, a xente, manifesta máis que nunca con claridade e de forma absolutamente comprensible a súa desconfianza e desafección cara a política institucional e os seus representantes, sorpréndenos asistir ao espectáculo de declaracións agresivas e comportamentos pouco respectuosos que o Partido Popular de Ribadeo está a dar, a través dos seus varios portavoces municipais, nas últimas semanas. Non é raro que a xente pense o que pensa cando persoas votadas pola cidadanía se dedican, máis que a se preocupar polos problemas da xente e por como resolvelos da mellor maneira, a utilizar calquera cuestión, real ou inventada, para tentar converter a política municipal nunha lameira que manche a todos por igual.

Desde logo, no BNG, o primeiro que facemos sempre é mostrar o noso respecto e consideración cara as persoas que -á marxe do que digan nos Plenos municipais ou nos medios e á marxe do partido ao que representen- son, antes que calquera outra cousa, conveciños ribadenses e representantes da vontade democrática do pobo e das persoas que os votaron. É por iso que nos doe comprobar como a nosa actitude de respecto cara o PP ribadense non é recíproca. Cansa tender a man e que che cuspan nela, por dicilo de forma gráfica e directa.

Nós pensamos que o señor Valín está claramente errado ao utilizar unha linguaxe tan belixerante e un ton tan agresivo e crispado, impropio dun representante público. A súa actitude en nada axuda a dar exemplo de respecto e educación, algo do que ata hai pouco podiamos presumir na política municipal do noso Concello. Obviamente el, como representante da oposición que é, ten que facer iso: oposición. Pero nós mesmos temos demostrado, cando nos tocou estar nese lugar, que se pode facer perfectamente oposición sen necesidade de algaradas dialécticas e de comportamentos pouco edificantes nos Plenos.

Polo demais, sería absurdo pensar que no Partido Popular non queren, coma nós e coma o resto de partidos con representación municipal, o mellor para Ribadeo. Por iso, porque estamos seguros de que é así, no BNG apostamos, a pesar de termos maioría absoluta, por desenvolver unha política municipal no Goberno claramente aberta, integradora e de consenso. Os debates abertos nos Plenos, a presenza e representatividade da oposición nas Comisións e nos órgaos municipais, a dinámica de traballo cos grupos para os temas importantes son boa mostra delo, e a oposición sábeo. E sabe tamén, por certo, que isto é novidade, aposta política deste Goberno: non se facía así cando a maioría absoluta do PP de Andina -da que Valín era concelleiro- pasaba o rodillo nos debates e limitaba a información ao resto de partidos.

No BNG concordamos co sentido común popular, e sabemos que falando enténdese a xente. As persoas que temos algún tipo de representación política deberiamos estar preocupados hoxe, máis que nunca, por traballar ao servizo dos veciños, por resolver os problemas gravísimos que padecemos como sociedade e por xestionar o público da mellor maneira, porque é patrimonio de todas e todos. O resto, a bronca permanente, a lameira dialéctica, son comportamentos que en nada favorecen o clima de respecto e diálogo que debe presidir as relacións entre goberno e oposición.

É mágoa, ademais, que así sexa, porque entendemos no Goberno Municipal que a persoa que fixo esas declaracións podería aportar moito ao pobo desde o seu actual posto na oposición. Mesmo percibimos un cambio de actitude pola súa banda tan sorprendente que recoñecemos non saber a que responde: a presións internas por parte de quen manda realmente no PP de Ribadeo, a nerviosismo polo reparto de postos entre os cabecillas do PP na nova Xunta, á vontade de ficar como máis do PP que ninguén antes da súa próxima substitución … Nós, desde logo, non imos manifestarnos nunca neses termos, nin imos responder a esas declaracións por moito que el nos cualifique da forma que o fai. Obviamente tampouco imos poñer en dúbida o seu talante democrático, por moito que determinadas actitudes de membros do seu partido, e das que o señor Valín é perfecto coñecedor, nos puideran facer dubidar desta cuestión.

En definitiva, desde o BNG reafirmamos o noso interese por centrarnos, desde o Goberno Municipal de Ribadeo, no que os veciños e veciñas nos encargaron cos seu votos: traballar, coma sempre, con ilusión, dedicación e honestidade por Ribadeo, polo ben común das e dos ribadenses e polo progreso e benestar social da súa xente. E niso estamos, a pesar dos durísimos recortes de todo tipo que estamos a padecer como Concello por parte dos Gobernos da Xunta e do Estado.

Exit mobile version