O ala Rafael Silva de Jesús, coñecido como Silva, reforzará as filas laranxas de cara ao mercado invernal. O xogador brasileiro (Río de Janeiro, 1986), que xa se incorporou á dinámica de adestramentos dos de Julio Delgado a semana pasada, recala na Mariña procedente do poderoso Iberia Star, de Xeorxia, co que se clasificou para a Final Four da Copa da UEFA, entre os catro mellores de Europa.
Na súa presentación oficial, acompañado polo presidente da entidade, José Ramón González Casas, o carioca amosouse entusiasmado coa súa chegada ao CD Burela FS Pescados Rubén. “Estou moi contento por coñecer unha das mellores ligas do mundo” admitiu Silva, que atribuíu a súa opción laranxa para internarse no fútbol sala español “á tradición e seriedade do club”: “Recibín moi boas referencias doutros compatriotas que forman e formaron parte da entidade, algo que me ofrece seguridade e incrementa a miña motivación para facer mellor o meu traballo e conseguir os obxectivos do club” explicou o brasileiro. “Creo que poderei adaptarme doadamente ao xogo do Burela FS, axudando en finalización, sempre que o meu corpo se aclimate a estas temperaturas xélidas”, puntualizou xocosamente o novo ala laranxa.
Cun amplo repertorio no seu país -Vasco (2005), Macaé (2006-07), Flamengo (2008), USS Vassouras (2009), Petrópolis (2010) e Wipro-SP (2011)-, a tempada goleadora co São José (2011-12), máis de 20 dianas, habilitoulle a Silva o pasaporte para incorporarse no sólido Iberia Star.