A CONTINUIDADE DO SERVIZO DE TELEASISTENCIA DOMICILIARIA SEGUE PENDENTE POLA FALLA DE INICIATIVA DA XUNTA
O BNG da Mariña alerta de que 348 maiores poderían quedar desatendidos e en risco de exclusión
Veiga pide a Feijóo que demostre que lle preocupan máis as necesidades dos maiores que o control do déficit
A Mariña, 7 de decembro de 2012. O responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Antonio Veiga, denuncia que segue no ar a continuidade do servizo de Teleasistencia Domiciliaria tras a decisión do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de deixar de aportar, a través do IMSERSO, o 65 por cento do financiamento de dito servizo e tras a falla de pronunciamento da Xunta de Galiza para facerse cargo desa porcentaxe do custo do servizo.
“Só na Mariña – explica Veiga- 348 usuarias e usuarios poderían deixar de recibir a atención que lles proporciona o servizo de Teleasistencia grazas ao cal acadan un nivel considerábel de benestar, xa que este servizo atende a un alto pocentaxe de poboación que non está cuberta pola Lei de Dependencia, que tamén está a ser desmantelada polo Goberno do Estado e a Xunta de Galiza”.
Dende a formación nacionalista insístese nos beneficios da Teleasistencia Domiciliaria que permiten que os usuarios e usuarias, na súa maioría mulleres que viven soas e viúvas cunha media de idade que supera os 80 anos, poidan seguir vivindo no seu medio habitual, evitando así procesos de desorientación e, ademais, coa tranquilidade de que en caso de emerxencia contactan de xeito inmediato coa central do servizo que mobiliza os medios precisos para atendelos.
Antonio Veiga critica a falla de política social dos gobernos central e galego o que repercuten na calidade de vida dos cidadáns pero tamén o fai de xeito moi negativo no mercado laboral. “Os recortes do Partido Popular no eido dos benestar social están a provocar un incremento dos datos do desemprego, sobre todo, en comunidades como a nosa, caracterizadas por un elevado índice de avellentamento.”
“Pedímoslle á Xunta de Galiza,concretamente á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que se aclare se o seu departamento se fará cargo da porcentaxe que o Ministerio se nega a asumir ou se, polo contrario, se desentende deste asunto, vital para centos de maiores galegos”.
Veiga conclúe que “O Goberno galego ten diante unha nova oportunidade para demostrar o seu compromiso co benestar social, cos nosos maiores e co medio rural do país. O presidente Feijóo pode demostrar agora que lle preocupan máis as necesidades dos maiores que o control do déficit.”
MUNICIPIOS | USUARIOS/AS |
Alfoz | 8 |
Barreiros | 13 |
Burela | 19 |
Cervo | 16 |
Foz | 26 |
Lourenzá | 13 |
Mondoñedo | 25 |
Muras | 5 |
O Vicedo | 7 |
Ourol | 7 |
A Pastoriza | 4 |
Ribadeo | 115 |
Riotorto | 5 |
Trabada | 4 |
O Valadouro | 9 |
Viveiro | 60 |
Xove | 5 |
A Pontenova | 7 |
Total | 348 |