IAGO MÍGUEZ: ‘QUITÁMONOS ANSIEDADE, ESTE PUNTO DÁNOS CONFIANZA PARA SEGUIR PELEXANDO’
A historia laranxa de Primeira cambiou o sábado. O Burela FS Pescados Rubén subiu o seu primeiro punto na elite tras un trepidante encontro ante o Colegios Arenas Gáldar de Gran Canaria (2-2). O empate na bomboneira deixou unha mestura de sensacións contrapostas no vestiario laranxa, dominador sobre a pista e sobre o electrónico ata a recta final. “Nun primeiro momento non saímos contentos, porque vimos o partido encarrilado e no último cuarto escapóusenos. Non obstante, este punto dános confianza para seguir pelexando; con el quitámonos a ansiedade da cuadrícula baleira e pode ser decisivo ao final” confesaba Iago Míguez, que estreou a súa conta goleadora da tempada abrindo o luminoso e converténdose nun dos máis activos en ataque fronte aos insulares.
O ala-pivote burelista amosou a súa mellor cara coa “dose de moral e tranquilidade” da igualada: “Non podemos estar satisfeitos cos resultados, pero si co traballo. Eramos un equipo novo e co paso das xornadas estamos demostrando que imos a máis e que estamos manténdonos animicamente. Temos o potencial necesario para estar máis arriba; abrimos a puntuación o sábado e a partir de agora cada partido é crucial para saír dos postos de promoción”.
O cadro de Julio Delgado viaxará a Navarra na vindeira xornada (sábado 15, 18.30 horas) co Ríos Renovables como obstáculo para a súa primeira vitoria no horizonte máis inmediato. “É un equipo moi competitivo. Debemos ir a por todas; estamos acostumados ao ambiente na bancada, pero esta vez seremos o inimigo nunha pista que tamén empuxa moito” avanzou Míguez.