Site icon Crónica3.com A Mariña

Eu acuso a esta tropa …

EU ACUSO A ESTA TROPA….

Para acabar este ano, volto a saírme do curral e en vez de mandarlles unha postal lírica falando de bos desexos, arboliños de Nadal, anxeliños, paxaros piadores e outros tópicos, vou eu e trato de acabar o ano poñendo o acento na petuñeira realidade política deste pais de ananos.

Eu acuso, como o poeta, aos que queren calar a voz da xustiza, polas promesas incumpridas e as mentiras institucionalizadas. Aos que pretenden silenciar, como o fixeron con Neruda, o discurso crítico que desmantela a fraude antidemocrático. A palabra entón trasládase á rúa, ás carballeiras derramadas. E clama o sagrado dereito de defensa dos cidadáns enganados e condenados a pagar as malas mañas duns poucos ávidos especuladores e os seus títeres políticos.

Eu acuso aos que queren substituír os dereitos á saúde, a educación e o emprego pola vida na miseria; aos que promoven cercenar a liberdade de expresión coa coacción de normas propias dunha ditadura. Eu acuso aos que intentan, con falacias, substituír o proveito colectivo polo fin de lucro, o público polo privado, o interese xeral polas plusvalías dunha minoría. Eu acuso aos políticos que amparan que bens esenciais para a vida como a auga, a educación e a saúde estean en mans de empresas con ánimo de lucro. Eu acuso ás grandes empresas, eléctricas, de telecomunicacions, á banca -cuxos capitais teñen moito en común-, pola fraude sistemática aos cidadáns e ao saqueo das arcas públicas. Eu acuso aos poderes públicos, pola cantidade de nenos, anciáns e familias enteiras sen fogar cunha existencia miserable. Eu acuso aos culpables dunha lei electoral antidemocrática confeccionada para a alternancia do poder dos que non cuestionan este sistema que produce enormes desigualdades sociais. Eu acuso a hipocrisía da Igrexa, o seu boato e falta de sensibilidade cara aos verdadeiros males deste mundo e o seu cohabitación cos poderosos. Eu acuso aos lobbies químico-farmacéuticos cuxo máximo negocio é manter enfermos, non curalos, porque para eles cada enfermidade é un negocio millonario. Eu acuso aos malnacidos que se enriquecen a costa do sufrimento de seres humans. Eu acuso aos gobernos deste pais de antidemocráticos, por atentar contra as liberdades e o interese xeral dos cidadáns, os dereitos constitucionais e os dereitos humanos e esixo a súa dimisión.

Por todo iso, e por moitas mais cousas deséxolles a esta tropa, unhas festas cheas de todos os males posibles, unha intoxicación co marisco que a bo seguro esta xente de mal vivir consumira estes días e que lles orixine uns bos torceos e dores de tripa ata que cambien de parecer e gobernar, e a vosoutros amigos lectores deséxolles moita paciencia para aguantar a toda esta tropa de mal nacidos e un bo aguante do que vai caer no ano 2013, alguén dixo que “O QUE RESISTE VENCERA”.

Otero Regal

Exit mobile version