Espazo Ecosocialista esixe á Xunta un posicionamento claro contra a técnica “fracking” polos seus efectos medioambientais e na saude das persoas
Causa espanto escoitar ao Director Xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, afirmar que a Xunta “fai unha aposta decidida pola busca de xacementos de gas natural non convencional”, apoiándose na súa posíbel existencia entre os chans de lousa.
Causa espanto polo que ten de irresponsábel ao facer apoloxía dun dos métodos de extracción máis perigosos que existen na actualidade como é a fractura hidraulica, comunmente coñecida como fracking. Este proceso industrial para a extracción de gas natural a grandes profundidades esixe o emprego de inxentes cantidades de auga mesturada con areas e compostos químicos nun proceso tremendamente intrusivo e cun potencial contaminante devastador para a calidade das augas continentais.
O impacto fundamental, alén dos propios da minaría relacionados coa excavación de pozos, afeccións a biodiversidade etc, reside na necesaria inxección de augas potábeis, da orde de 19 millóns de litros por pozo e operación mesturada con areas e productos químicos altamente tóxicos da que só se recupera entre o 15% e 85% para o seu posterior tratamento, quedando o remanente no subsolo co seu potencial contaminante sobre augas subterráneas, non só polos químicos introducidos, senón por metais pesados (arsénico, mercurio, . . ) e radiactivos que arrastre no proceso. Algúns produtos químicos empregados son recoñecidos alerxénicos, tóxicos, canceríxenos e mutaxénicos, tal como recoñece o informe Impacts of shale gas and shale oil extraction on the environment and on human health (2011)1 , realizado por encargo do Comité de Medioambiente, Saíde Pública e Seguridade Alimentar do Parlamento Europeo.(axuntase gráfico sobre emisións)
Este mesmo informe afirma que non existen potenciais beneficios medioambientais evidentes no uso desta técnica agás posíbeis reducións de emisións de GEI, que de calquera xeito só ocurrirían se este gas substituira o petróleo ou o carbón, o que non está a facer na actualidade. Tamén recoñece que a contribución deste tipo de explotacións ao subministro enerxético europeo sería no mellor dos casos marxinal.
O estudo destes datos revela unha vez máis que é o simple negocio económico no que os grandes oligopolios enerxéticos apostan o noso futuro ambiental o que subxace nesta nova modalidade suicida de extracción enerxética e deixa en evidencia a irresponsabilidade da administración galega apoiando estes proxectos; moi ao contrario por certo ao que estan a facer outras administracións autonómicas do mesmo signo político coma La Rioja http://www.larioja.com/v/20121201/rioja-region/gobierno-rioja-rechaza-tcnica-20121201.html
Galicia está padecendo nos últimos anos unha intensa ofensiva por parte de empresas de minaría extractiva para explotar o noso país a costa do sufrimento da súa cidadanía. O proxecto da mina de ouro en Corcoesto, as catas na procura deste material baseado no cianuro noutros puntos como Santa Comba, unha multinacional sudafricana na Serra do Galiñeiro, o proxecto de explotación de andalucita lindante co Parque Natural das Fragas do Eume, os proxectos mineiros na Terra Cha son só algúns dos exemplos que temos, aos que hai que sumar agora as intencións da Xunta. Este tipo de explotacións son curtoplacistas, nos que as empresas levan os beneficios e o conxunto da cidadanía asumimos os custos ambientais durante a explotación e a desfeita que deixan cando a abandonan.
O futro enerxético galego debe basearse no acelerado abandono das enerxías fósiles e a súa substitución por unha combinación de aforro, incremento da eficiencia, e as fontes enerxéticas renovabeis das que dispoñemos, nun modelo de explotación no que os beneficios redunden no conxunto da sociedade, e que a transparencia, o principio de precaución e a sustentabilidade sexan os principios reitores.
Desde Espazo Ecosocialista esiximos á Xunta de Galicia o abandono inmediato de calquera proxecto baseado no fracking polas súas consecuencias ambientais e sociais, e por constituír un afondamento en estratexias que xa teñen demostrado que levan a un calellón sen saída. Ao tempo, solicitamos a opinión sobre o tema do Conselleiro de Medio Ambiente, cuxo silencio ante estas declaracións amosa certa incapacidade ou falla de vontade de cumprir as súas obrigas.
Ver en http://www.espazoecosocialista.org/index.php?option=com_content&view=article&id=139:espazo-ecosocialista-esixe-a-xunta-un-posicionamento-claro-contra-a-tecnica-fracking-polos-seus-efectos-medioambientais-e-na-saude-das-persoas&catid=9&Itemid=435