A galería de arte Espacio48 presenta a exposición colectiva “colezziona”, unha mostra con
propostas dos artistas Caxigueiro, Vivián e Xurxo Martiño, que se inaugurará o vindeiro xoves 13
de Decembro do presente ano ás 20.00 horas e permanecerá aberta ata o 18 de Xaneiro do ano
2013.
Daniel Caxigueiro (Mondoñedo, Lugo, 1955), expón por primeira vez entre as paredes de
Espacio48 e o fai curiosamente volvendo camiñar por un “espazo” previamente transitado, e para
iso reinterpreta e afonda cos seus libros de cerámica nese profundo e enrevesado universo
simbólico que conteñen; Xosé Vivián (Santiago de Compostela, 1949), trae ao recordo pezas
pictóricas evocadoras e cargadas dun lirismo que nos transporta a unha natureza
momentáneamente alterada, pero que atopa refuxio na delicadeza do seu trazo; e Xurxo Martiño
(Vimianzo, A Coruña, 1964), procura na reinvención das súas paisaxes arquitectónicas unha
plasmación real e desposuída de todo artificio, e non para de tentar captalos dende distintas
ópticas, sintetizándoos cada vez máis, ata o punto de chegar a fundirse coa propia materia.
Os tres teñen en común a súa rigurosidade e o seu coñecemento e compromiso co que lles
rodea en todo momento. Deste xeito, todas as obras teñen que ver co cotián, coa natureza, coa
realidade circundante e comparten todas elas unha forte carga de valores comúns, así como un
claro vínculo coa materia, unha materia interiorizada dende un punto de vista poético pero, ao
mesmo tempo, moi realista.
É a amalgama destas coincidencias a que crea un impacto global imborrable no espectador, que
se reformula a trascendental cuestión de por que a arte debe estar presente no noso día a día,
tendo en conta os tempos que corren. E a resposta atópaa de inmediato, xa que é a propia arte a
que lla facilita case sen esforzo, pois non deixa de ser lesta un testemuño dun momento que nos
pertence a todos por igual, e que queda atrapado de forma incuestionable e irrepetible, ousando
estimular a nosa conciencia e a nosa consciencia histórica e potenciando os valores que nunca
se deberían perder.
E por iso xorde a necesidade de “colezzionar”, que se escribe nesta ocasión con dúas zetas,
apropiándose da última letra do abecedario, a máis esquecida, que marca o final, pero avisa do
comezo de algo novo, un coleccionismo que procura cada vez máis meditar sobre o que nos
define e sobre o que de verdade pode aportarnos todo o que recompilamos e gardamos como o
noso pequeno gran tesouro. Unha colección que nos acompañará sempre e cuxa pertenza dirá
moito de nós, polo que debe ser realista, próxima e factible.
Cristina Moreiro
Os tres artistas que conforman a mostra “colezziona”, contan cunha ampla traxectoria. Destaca a recente
exposición antolóxica adicada á obra de Caxigueiro na Sala Luzán (CAI) de Zaragoza e a presenza do
artista na exposición colectiva “Os ollos das Palabras” na Cidade da Cultura de Santiago. Tanto Vivián
como Xurxo Martiño contan tamén cun amplo bagaxe expositivo, e cabe sinalar que actualmente exhiben
algunhas das súas pezas na exposición “Unidos pola arte” no Auditorio de Galicia en Santiago de
Compostela, que recolle por vez primeira o patrimonio pictórico do Concello e do Consorcio de Santiago