CAZA MAIOR: UN OSO NO SANTO
De cando en vez o nome de Foz asoma ós titulares dos xornais, apenas por razóns que teñen que ver con feitos exemplarizantes que deparen o prestixio que da a obra ben feita, cimentada no respecto e a defensa de valores referidos á cultura medioambiental, a dotación dun hábitat que potencie un entorno mais humano e distendido para a convivencia. Esta realidade mestúrase con episodios, uns inesperados e outros provocados, singulares todos, que dan un toque de orixinalidade ou mesmo de pintoresquismo ó diario discorrer de tanta bazofia.
No verán do 2005 a nova deixábanos abraiado; “un artista alemán ultima a unión virtual entre Foz e a súa antípoda”. Descoñecíamos que se nos perdía a nós por aló, pero así o declaraban Joerg Jozwiak, o promotor da cousa, e mailo goberno local. Non soubemos máis da intrépida iniciativa, por iso, despois do tempo pasado, ignoramos en que fase se atopa tan divulgada actuación. Confesamos que acollemos o anuncio con indiferenza, porque os que por razóns biolóxicas chegamos a destempo á cultura “do virtual”, mantemos certa dose de incredulidade ante tanta marabilla…
Sen embargo o que si espertou a curiosidade, e mesmo produciu unha remota esperanza, foi a paralela e sorprendente aparición dun oso no entorno do Bispo Santo porque, aínda que morto, pensamos que podía ser sinal de vida (non morre o que non vive); e aínda que non sendo ese o hábitat idóneo, con un pouco de imaxinación e moita fe, poderíase contemplar o posible de que aquel paraxe, polo que señorean o xabarín e o corzo, se convertese en reserva de caza maior.
¿Imposible? Os focegos estamos curados ante a realidade de sucedidos que rachan coas leis naturais e coa lóxica ¿Non foi dende alí mesmo onde San Gonzalo, contrariando tódalas leis físicas e os razoamentos escolásticos, afundiu unha flota de naves normandas?
Pouco había que persoeiros de Turismo da Xunta dixeran na Mariña que a procura do “turismo de calidade”, pasaría pola oferta dun ocio que se asentaría no deporte náutico– portos deportivos–e os campos de golf e sinalaban que a caza maior exerce unha poderosa atracción para xentes “de calidade”, entendendo o termo no senso que nos ocupa. Aquí radica o interese que espertou o posible de que a especie viñera a medrar e multiplicarse polos pagos nos que perdeu a vida o animal que, en mala hora, ascendeu ó Pico da Lebre, paraxe natural, singular e carismático e alí, entre tanta cochambre, morreu de noxo e de tristura.
Atendendo, pois, ós analistas turísticos, e posto que Foz sen porto deportivo nen o campo de golf que hai unha década dábase por feito, xa entón proclamado por voces do goberno local “anacea para a consolidación do turismo no noso concello”; así as cousas, só nos quedaba a alternativa da caza maior, e neste senso o oso era a última esperanza; mais temos que recoñecer a decepción: a presencia do plantígrado foi só unha quimera, un espellismo. A vida está chea de frustracións!.
Suso Fernández