A ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE ALFOZ-VALADOURO expón:
Na actual situación de penuria económica que se está a vivir no mundo occidental, nomeadamente entre as clases máis desfavorecidas ou en sectores de alto risco como desempregados, familias numerosas, etc., consideramos moi necesario que o Concello de Alfoz constitúa un Banco de Emerxencia Social (alimentos e roupa usada) fornecido coa solidariedade da veciñanza. O obxectivo deste banco é remediar ou axudar a remediar as necesidades que poidan estar a sufrir veciños nosos coas doazóns desinteresadas de persoas que aínda manteñen un nivel socioeconómico aceptábel.
Debemos ter en conta que as organizacións que tradicionalmente se ocuparon desta problemática social (Cáritas, Cruz Vermella…) están a verse desbordadas no seu traballo pola cantidade de persoas que precisan axuda nestes difíciles intres, por iso cómpre que os concellos, como institucións máis próximas á cidadanía, suplan esta carencia.
POLO ANTERIORMENTE EXPOSTO
DEMANDA:
-Dotarse dun local municipal pra que toda persoa que desexe axudar aos seus veciños máis desfavorecidos con alimentos ou roupa usada poida depositalos. Cómpre ter en conta que as tendas de alimentación e supermercados (sector presente no noso comercio local) adoitan desbotar produtos por estar próxima a data de caducidade, esta circunstancia podería fornecer en grande medida o Banco de Emerxencia Social do Concello de Alfoz.
-Destinar o persoal axeitado para a xestión do Banco de Emerxencia Social: Entrega de produtos, publicitación do proxecto entre a sociedade e da susceptibilidade de acollerse a este, etc.
-Consideramos que se os dous concellos do val deciden crear bancos de emerxencia social podería aspirarse a un Banco de Emerxencia Social Intermunicipal, com moitos máis recursos, e cubrindo deste xeito moitas máis necesidades a moitas máis persoas.
De haber vontade para estender o proxecto ao ámbito intermunicipal solicitamos que os responsábeis dos dous concellos (ou concelleiros delegados por designación) convoquen as reunións precisas para a creación do futuro Banco de Emerxencia Social Intermunicipal.