Site icon Crónica3.com A Mariña

“Queremos galego” de A Mariña xuntarase en Burela para encamiñar unha resposta a reforma educativa

A PLATAFORMA “QUEREMOS GALEGO” DA MARIÑA XUNTARASE O MÉRCORES EN BURELA PARA ENCAMIÑAR UNHA RESPOSTA Á REFORMA EDUCATIVA DE WERT

A xuntanza, en réxime de autoconvocatoria á que están convidadas todas as asociacións culturais da comarca, será o mércores 19 ás 20:30 horas no local do Colectivo Cultural Buril na antiga Praza de Abastos de Burela

A plataforma social “Queremos Galego” que ten como razón de ser a defensa do noso idioma non pode deixar de pasar por alto esta nova agresión e entende que se no seu momento fomos que de facer parar algunhas das medidas antigalegas do Goberno Feijoo agora é o momento de parar o paquete de Wert. A fin de volver activar a Plataforma “Queremos Galego” na Mariña convócase esta xuntanza a celebrar o Mércores 19 ás 20:30 no local do Colectivo Cultural Buril na antiga Praza de Abastos de Burela.

Para Queremos Galego, a reforma educativa que ven de presentar o Goberno do Estado, popularmente coñecida pola “Lei Wert”, representa un ataque de primeira orde contra o noso idioma, na liña da lexislación desenvolvida polo Goberno da Xunta e que de facto persigue a exclusión do galego dos diferentes niveis educativos.

A plataforma Queremos Galego, que aglutina máis de 700 entidades en Galiza, xa iniciou o calendario de mobilizacións previsto para exixir a derrogación do Decreto 79/2010 contra o galego e a elaboración dunha nova norma que teña como punto de partida o Plan de Normalización Lingüística aprobado polo Parlamento no ano 2004, e esixe a retirada do borrador da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), popularmente coñecida como Lei da Wertgoña, pola involución que representa en canto ao uso das linguas diferentes ao castelán, nomeadamente a galega.

O vindeiro 27 de xaneiro en Santiago de Compostela haberá unha grande manifestación a favor da lingua que nos une, tamén co obxectivo de que a Xunta derrogue o decretazo do plurilingüismo, declarado ilegal nos seus eixos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza”, e conseguir a retirada do proxecto de LOMCE, máis coñecido como Lei da Wertgoña, “que pretende consagrar un dereito descoñecido en calquera ordenamento xurídico como é o dereito a ignorancia, concretamente da lingua propia”.

Exit mobile version