Site icon Crónica3.com A Mariña

A Escola Cooperativa Móbil de Traballo visita Ribadeo para mostrar as vantaxes do cooperativismo

A Escola Cooperativa Móbil de Traballo visita desde hoxe Ribadeo para mostrar as vantaxes do cooperativismo como saída laboral

· A iniciativa consiste nunha aula itinerante para mostrar as potencialidades do cooperativismo entre a mocidade que viaxará por centros educativos de toda Galicia

· Na aula ofrecerase a información máis actualizada e completa sobre o cooperativismo, orientación especializada por parte de técnicos especializados e un programa de actividades moi atractivo

· A aula achegarase a máis de 25 centros de todo o territorio galego e rematará o seu percorrido cun acto de clausura en Santiago de Compostela en maio do 2013

Ribadeo (Lugo), 10 de decembro de 2012.- Os estudantes do CIFP Porta da Auga de Ribadeo (Lugo) participarán desde hoxe e ata o 14 de decembro no proxecto Escola Cooperativa Móbil que lles ensina todas as vantaxes do modelo cooperativo como saída laboral para sacar adiante iniciativas emprendedoras, dentro da campaña ‘Cooperativízate. Suma Forzas!’ levada a cabo pola Consellería de Traballo e Benestar.

A Escola Cooperativa Móbil é unha iniciativa de divulgación desenvolvida pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, que consiste nunha aula itinerante para mostrar as potencialidades do cooperativismo entre a mocidade que viaxará por centros educativos de toda Galicia.

Trátase dunha campaña que xa funcionou no curso 2010-2011 e que se volve a repetir polo éxito que tivo no período anterior. Está orientada principalmente aos rapaces de últimos cursos que van rematar os estudos e en moitos casos queren traballar, pero pola situación actual ou pola idade non atopan traballo. O obxectivo é chegar a estes rapaces e ofrecerlles unha alternativa a través das cooperativas.

Ademais de Ribadeo, a aula móbil xa pasou por diferentes localidades da provincia de Lugo como Castro de Rei ou Lugo, onde acadou un gran éxito entre alumnos e profesores. Na aula ofrecerase a información máis actualizada e completa sobre o cooperativismo, orientación especializada por parte de técnicos especializados e un programa de actividades moi atractivo, co obxectivo de situar nun primeiro plano o cooperativismo como unha opción laboral de futuro.

Os monitores da Escola Cooperativa Móbil, que estará ubicada nas instalacións do CIFP Porta da Auga de Ribadeo, ensinarán aos alumnos as vantaxes do cooperativismo, mediante sesións prácticas, coa finalidade de transmitir aos participantes dun xeito ameno e atractivo, os valores do cooperativismo, as habilidades sociais cooperativas, os pasos necesarios para crear unha cooperativa, así como a análise de casos de cooperativas de éxito.

A aula achegarase a máis de 25 centros de todo o territorio galego e rematará o seu percorrido cun acto de clausura en Santiago de Compostela en maio do 2013.

Exit mobile version