A Deputación tramitou máis de 100 obras nos Concellos nun tempo récord de dous meses
– Son 110 melloras de prestacións públicas nas zonas rurais de municipios de todas as cores políticas, executadas co Plan de Comunidades Veciñais e financiadas pola institución
– O organismo acondicionará as rúas Rosalía de Castro e Parque, na Fonsagrada, con obras de 93.000 euros, que complementan os traballos de construción do novo Consistorio
– A Xunta de Goberno inicia a contratación da vixilancia das dependencias provinciais, cun aforro inicial dun 20%, que se suma a redución de custes correntes do servizo de limpeza
Precisamente, a Xunta de Goberno deste venres aprobou as contas xustificativas doutras 14 obras deste Plan, levadas a cabo en Becerreá, Begonte, Cospeito, Foz, Monterroso, Ourol, Sarria e O Valadouro. A Deputación achegou a estas actuacións 105.000 euros. Martínez salientou que “a diferencia do que ocorre hoxe con este Goberno Provincial, o Partido Popular deixou sen tramitar obras de ata o ano 2003, bloqueando a execución de melloras nas prestacións públicas dos veciños do rural lugués”.
A institución provincial tamén mellorará as prestacións públicas nas rúas Rosalía de Castro e Parque, no Concello da Fonsagrada. A sesión acordou achegar ó municipio fonsagradino 93.000 euros para a realización destes traballos, que complementan, explicou o voceiro, as obras de construción do novo Consistorio, que tamén financia na súa totalidade a Deputación, con 850.000 euros.
Aforro de custes correntes
A Xunta de Goberno aprobou iniciar os procesos de contratación dos servizos de vixilancia do Pazo de San Marcos, o Pazo de Deportes, a Rede Museística e o Fogar de Santa María, rebaixando o prezo destas prestacións nun 20%. Neste senso, a sesión tamén aprobou non facer unha nova contratación para a limpeza do Museo de San Paio de Narla, Museo de Tor e o Fogar de Santa María, aforrando 30.000 euros, porque a Deputación está a tramitar a adxudicación deste servizo de xeito conxunto, é dicir, para todas as dependencias provinciais, reducindo custes correntes.
Por outra banda, o organismo provincial aprobou conceder unha subvención de 30.000 euros co fin de colaborar co desenvolvemento das actividades que promove na provincia a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).