A VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN PROPÓN AOS CONCELLOS COFINANCIAR AO 50% O SERVIZO DE TELEASISTENCIA DOMICILIARIA
Antonio Veiga urxe aos alcaldes a tomar unha decisión esta mesma semana para evitar que un colectivo tan vulnerábel quede desprotexido
Nos concellos en que se rexeite esa proposta os usuarios e usuarias deixarán de recibir o servizo o vindeiro 1 de xaneiro
Con esta medida o ente provincial incrementa nun 15 por cento a súa aportación para o cofinanciamento da Teleasistencia Domiciliaria, pasando de asumir o 35 por cento ao 50 por cento
Lugo, 11 de decembro de 2012. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo propón aos concellos da provincia cofinanciar ao 50 por cento o Servizo de Teleasistencia para garantir a súa continuidade tras a decisión do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de suprimir a partida orzamentaria coa que, a través do IMSERSO, cofinanciaba dito servizo e, tamén, tras a falla de pronunciamento da Xunta de Galiza á que se instou para que asumira a parte que o Goberno do Estado se nega a seguir aportando e que supón o 65 por cento do custe total da Teleasistencia Domiciliaria.
Esta proposta, coa que a institución provincial incrementa nun 15 por centro a súa parte de cofinanciamento chegando aos 168.000 euros, foi anunciada polo vicepresidente e delegado de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, e o delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, aos alcaldes que participaron na xuntanza convocada pola Vicepresidencia da Deputación para esta tarde e á que estaban chamados todos os rexedores municipais da provincia.
“Con esta medida –explicou Veiga- garantiríase a continuidade do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria que atende a máis de 1.500 lucenses en situación vulnerábel e en risco de exclusión en canto son persoas que viven soas e que a media de idade supera os 80 anos. Sen este Servizo, este colectivo quedaría totalmente desamparado ao estar excluído da Lei de Dependencia e porque a Teledependencia da Xunta de Galiza só dispón de 1.150 prazas para toda a provincia, as cales xa están cubertas, ademais de que resultan insuficientes para atender a demanda existente”.
Neste senso, o vicepresidente insistiu en que “nos concellos en que se decida non adherirse ao protocolo de colaboración presentado, o vindeiro 1 de xaneiro os dispositivos que conectan aos usuarios e usuarias coa central deixarán de estar operativos con todo o negativo que iso suporá para os maiores que agora están atendidos as 24 horas do día durante todo o ano ante calquera situación adversa”.
Pola súa banda, Outeiro insistiu na importancia de que “os concellos tomen unha decisión ao longo desta semana para garantir a continuidade da Teleasistencia Domiciliaria” e sinalou os beneficios deste protocolo que “permitiría seguir prestando de xeito eficaz e eficiente este servizo público, minorar os custes da prestación illada e garantir o acceso a un servizo de calidade con importantes beneficios para os usuarios e usuarias nunha provincia cun dos índices de avellentamento máis altos do Estado”.