A DEPUTACIÓN FINANCIA O REMATE DAS INSTALACIÓNS DA PISTA DE ANDADURA ECUESTRE DO VALADOURO
Onte asinouse un convenio por valor de 60.000 euros co que se pechará a pista e se farán as instalacións auxiliares
Esta infraestrutura permite á asociación APREVAL organizar eventos ecuestres de ampla repercusión
Lugo, 22 de decembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel da Área de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, asinou onte un convenio de colaboración co Concello do Valadouro mediante o cal a Deputación aportará 60.000 euros á entidade local para o remate das obras da pista ecuestre do Valadouro, unha infraestrutura pioneira en Galiza e que permite á asociación APREVAL (Asociación de Promoción e Recuperación Ecuestre Val do Ouro) desenvolver competicións e eventos ecuestres de repercusión nacional.
Grazas a este convenio, as pistas de andadura ubicadas ao lado do campo de fútbol do Valadouro contarán co seu valado perimetral, unha zona de lavado para cabalos e xinetes e instalacións auxiliares, facendo o conxunto da infraestrutura accesíbel, segura e cómoda para todas as persoas que acudan a eventos hípicos.
Apreval converteu, nos últimos anos, a actividade ecuestre nun dos principais atractivos turísticos do Valadouro, dado que organiza o programa “Equiouro”, que inclúe carreiras de cabalos de andadura. Estas actividades ecuestres supoñen alternativas de ocio de grande interese, coas que ademais do seu valor deportivo e de espectáculo tamén se dinamiza a economía e o turismo da localidade. Por iso, desde a Área de Benestar Social e Deporte da Deputación apóiase con este investimento esta infraestrutura porque o Valadouro merece unha pista de andadura ecuestre, pois ten máis que demostrada a súa afección aos cabalos e o seu proveito en beneficio do conxunto do pobo.