O grupo de goberno lamenta que a multa de 20.000 euros fose a maior “achega” feita pola Deputación en Cervo
Cervo, 21 de decembro de 2012-A Deputación de Lugo vén de desestimar o recurso presentado polo Concello de Cervo en contra da multa de 20.000 euros interposta polo Goberno Provincial. A administración local intentou que a Deputación “se dera conta do erro que cometeu ao multar inxustamente a un concello e rectificase” explica o grupo de goberno. Pero finalmente, a Deputación mantivo a súa postura inicial “deixando aos cervenses un particular agasallo de Nadal: 20.000 euros menos para poder facer investimentos que redunden no beneficio de toda a cidadanía”.
O executivo local lamenta que a multa sexa o “maior movemento de capital realizado pola Deputación co Concello de Cervo” e aproveitou para darlles as “grazas” aos seus responsables políticos por “non facer investimento algún no municipio e, aínda por riba, cargar ao Concello con gastos sen sentido”. E é que para o goberno municipal “a Deputación de Lugo fai todo o contrario do que debería facer. Na contra de axudar aos concellos, dedícase a minar os seus fondos con multas inxustas”.
O grupo de goberno quixo facer públicos os seus “agradecementos” máis personalizados, dirixíndose a dous cervenses con responsabilidade no Goberno Provincial, que “puideron interceder para evitar este atraco aos veciños e veciñas e non fixeron absolutamente nada”. “A vicepresidenta segunda ergueu a súa man para votar a favor de multar ao seu propio Concello, mentres o asesor do BNG na Deputación aconsellaba aos seu compañeiros para que fixeran o mesmo” explica o goberno municipal. “Isto é o único que lle temos que agradecer a un goberno con sangue cervense que traizoa ao seu pobo en canto sae do territorio municipal” remata o grupo de goberno.