Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aforrou 110 mil euros a 44 PEMES custeándolles auditorías para impulsar o seu negocio coas novas tecnoloxías

A Deputación aforrou 110.000 euros a 44 PEMES custeándolles auditorías para impulsar o seu negocio coas novas tecnoloxías

– Como colofón do Plan de Dinamización do Uso das TIC nas PEMES, este venres celébrase no In Lugo un encontro divulgativo, no que unha vintena de pequenos empresarios e autónomos coñecen con casos reais os beneficios de incorporar melloras tecnolóxicas

– Os 50 beneficiarios das auditorías tecnolóxicas valoran o asesoramento técnico especializado que obtiveron grazas á iniciativa do organismo provincial e móstranse interesados maioritariamente por difundir a súa actividade a través redes sociais

A Deputación de Lugo aforrou uns 110.000 euros a 44 PEMES da provincia custeándolles auditorías e prestándolles asesoramento técnico especializado para impulsar o seu negocio coa incorporación das novas tecnoloxías. O organismo provincial levou a cabo estas accións, a custe cero para as firmas participantes, a través do Plan de Dinamización do Uso das TIC nas PEMES, unha iniciativa financiada ó 89% polo Ministerio de Industria e pensada para fortalecer o tecido empresarial lucense, pois a utilización das novas tecnoloxías fai ós negocios máis competitivos, mellora a súa produtividade, reduce custes e xera emprego. Se as 44 PEMES que tomaron parte no plan tiveran que asumir por si mesmas o custe dos servizos de asesoramento e auditorías realizados, terían que pagar, segundo os prezos de mercado, unha media de 2.500 euros cada unha, o que suma 110.000 euros.

A través deste programa avaliouse, en primeiro lugar, cal é o grao de incorporación das TIC nas empresas participantes, logo determinouse as melloras que máis lles conveñen para impulsar a súa actividade ou incluso abrir novas oportunidades de negocio e, por último, ofrecéuselles asesoramento técnico especializado, tanto para elixir as mellores e máis convenientes ferramentas tecnolóxicas, como durante o proceso de incorporación das mesmas. A conexión a Internet de banda longa; a creación dunha páxina web; a factura electrónica, que reduce custes e tempo; a venda por internet, que abre novos mercados por todo o mundo; facer publicidade na Rede para aumentar as vendas, pero tamén fidelizar clientes; ou a banca electrónica, son algunhas das melloras propostas ós empresarios.

Xornada de portas abertas

Como colofón deste proxecto, que vén desenvolvendo a Deputación dende mediados de outubro, este venres estase a celebrar nas instalacións do Centro de Innovación Social un encontro divulgativo aberto a tódalas empresas da provincia co mesmo fin de achegar ás PEMES e autónomos ás novas tecnoloxías a través de casos prácticos e reais para que as aproveiten como ferramenta competitiva. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, clausurará ás 19:00 horas as xornadas, Lugo Living Expo, nas que participan representantes de 20 firmas luguesas, que coñecerán as principais conclusións do Plan de Dinamización do Uso das TIC nas PEMES, así como a experiencia de tres empresas que incorporaron con éxito as novas tecnoloxías ó seu modelo de negocio. Trátase da empresa de ocio Siente Galicia; Mi pequeño Vestidor, de roupa e complementos de nena e muller; e Wip, personas doblemente importantes, de produtos terapéuticos e adaptados.

Así mesmo, a community manager Nuria López ofrecerá a conferencia É necesario estar en redes sociais?, e o responsable provincial de Fondos Europeos e director do departamento de Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera, poñerá a disposición dos empresarios as instalacións e servizos do Centro de Innovación Social, o In Lugo, destinado precisamente a estender a utilización das novas tecnoloxías entre a cidadanía en xeral e entre as empresas, en particular.

Conclusións do plan

Como principais conclusións do Plan de Dinamización do Uso das TIC nas PEMES destaca a valoración que fan o medio centenar de participantes do asesoramento técnico especializado que recibiron grazas a esta iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo. De feito, todos os empresarios admiten que queren potenciar os seus negocios en Internet, darse a coñecer e así chegar a un maior número de clientes, pero non saben por onde empezar, pois, afirman, non lles chega información sobre os produtos e servizos que máis lles interesan e conveñen para mellorar o seu negocio. Por outra banda, os participantes mostráronse maioritariamente interesados por adquirir coñecementos para difundir o seu negocio nas redes sociais. Así mesmo, as firmas produtoras solicitaron un programa informático de trazabilidade, que lles permita controlar o proceso de produción de principio a fin.

A incorporación das novas tecnoloxías xoga un papel vital na evolución das empresas. Segundo se deu a coñecer na xornada de hoxe, os beneficios da utilización das TIC comézase a notar ós 3 meses e aumentan gradualmente. Estímase, por exemplo, que, cando as empresas comezan a usar as TIC, os niveis de produtividade aumentan un 10%, se o fan nun nivel básico, e nun 30%, se se trata de niveis máis altos.

O programa impulsado pola Deputación veu a atender ás necesidades específicas das pequenas empresas e autónomos, pois, polas súas características –menos recursos financeiros, humanos e tecnolóxicos-, estas necesitan un maior apoio exterior para implantar servizos TIC e resulta fundamental a sensibilización.

As 44 empresas

As 44 empresas que participaron no Plan de Dinamización do Uso das TIC nas PEMES son as seguintes: Capones Aurora; Casa Belón; Casa Benito; Casa Cazoleiro; Champivil; E-Escola; Finca Galea; Finca O Bizarro; Frigoríficos del Lea; Gallegas Daveiga; Hotel Restaurante La Villa; Lar Os Pios; Marcelle Natureza; Mel O Trobo; Mi Norte Hotel; Panadería La Esquina; Paprica; Regal Cerámica; Restaurante Río Neira; Río Lea; Torre de Núñez de Conturiz; Hotel Torre de Núñez; Vía Romana; Casa Condiño; Confitería Méndez; Caurelor; Avifauna; Mel do Castro; Casa Caselo; A Billarda; Dos Delfines Padisol; Imasgal; Aldeas Artesáns de Galicia; Turismo Rural e Artesanía; Galicia Ecolóxica; Tradlingua; Hola ola Ribadeo; Augavella; García y García; Tongue Twister Talk; Fiordilatte; MGN Sales&Marketing; Loyma Jeans e Gestoría Reija.

Exit mobile version