Site icon Crónica3.com A Mariña

A Concellería de Medio Ambiente de Burela desenrola actividades co fin de concienciar da necesidade de reciclar

UN GRUPO DE RAPACES DO IES MONTE CASTELO APRENDERON HOXE A FACER XABRÓN EMPREGANDO ACEITE DOMÉSTICO USADO.

Burela, 17 de decembro de 2012. Un grupo de 15 alumnos de 3º de Eso (grupo A) do IES Monte Castelo aprenderon esta mañá o proceso de elaboración de xabrón a partir de aceite usado, “como facían as nosas nais e as nosas avoas”, explican desde a Concellería de Medio Ambiente.

“Os materiais utilizados foron tinas de plástico,un pao de madeira para ir dándolle voltas e unha caixa de madeira para deixalo secar 4 ou 5 días antes de empezar a cortalo en forma de pastillas. As monitoras de Gaia explicáronlles aos alumnos varios procesos de elaboración de xabrón utilizando outros restos e glicerina e tamén a historia da elaboración dos primeiros xabróns”, seguen a relatar desde Medio Ambiente.

O obxectivo primordial desta actividade é concienciar da necesidade de reciclar a maior cantidade posible de aceite doméstico usado (tendo en conta que os maiores produtores de aceite desbotable somos os cidadáns e que é un dos principais contaminantes da auga mariña). Desde a Delegación de Medio Ambiente din que “non hai que esquecer que o noso Concello conta con colectores específicos para a recollida de aceite doméstico repartidos por todas as rúas nos que hai que depositar ese aceite nun envase que non sexa de vidro”.

Mañá martes, 18 de decembro, as monitoras repetirán o proceso para os alumnos de 3º Eso no grupo B.

Exit mobile version