NA CAMPAÑA DE MERCADOS DOMINICAIS DA FABA, QUE REMATOU HOXE, VENDÉRONSE 51.801 KILOS, UN 52 POR CENTO MENOS QUE O ANO PASADO. OS PREZOS OSCILARON ENTRE OS 3,8 E OS 5 EUROS O KILO. A ALCALDESA CONSIDERA QUE ESTES DATOS DEMOSTRAN A NECESIDADE DE CREAR UNHA COOPERATIVA COMERCIALIZADORA.
Lourenzá, 23 de decembro de 2012. Esta mañá rematou a campaña de mercados dominicais de faba en Lourenzá, aínda que hoxe non houbo ventas pola falla de compradores e a asistencia de vendedores foi escasa. Durante este ano vendéronse 51.801 kilos, un 52 por cento menos que no ano 2011 e os prezos oscilaron entre os 3,8 e os 5 euros o kilo. Este datos foron dados a coñecer pola alcaldesa, Emma Álvarez Chao, quen considera que demostran a necesidade de crear unha cooperativa para mellorar a comercialización do produto.
A rexedora municipal explicou que nos mercados dominicais “véndense fabas do ámbito xeográfico da IXP Faba de Lourenzá, pero non pasan a través da marca por ser transaccións a granel” e deu a coñecer hoxe que os “quilos de faba comercializados dende que se iniciou a campaña, o 16 de setembro, ata o pasado domingo foron 51.801, segundo os datos que nos facilitan os propios compradores. Esta cantidade é un 52 % inferior do ano pasado, que dende o 2009 foi no que máis venta houbera, e a deste ano é incluso un 42% máis baixa que a media das tres últimas campañas”.
Emma Álvarez considera que o motivo fundamental da baixada na cantidade de fabas vendidas “son os prezos, referente en moitos dos casos para as plantacións da campaña seguinte. Tendo en conta os tres últimos anos o mellor en canto a prezos foi o 2010, no que estiveron en torno aos 6,20 €/kg. Isto fixo que no 2011 aumentara o terreo sementado e polo tanto os quilos vendidos”. Pero a baixada de prezo rexistrada no 2011, na que se vendeu a faba entre 4 e 5 euros, deu como consecuencia que os inscritos no rexistro de fabeiros que leva o Concello descendera nun 32 % (este ano houbo 289) e en consecuencia tamén baixaron as hectáreas sementadas, que este ano foron 138, preto dun 20% menos de terreo destinado a esta leguminosa que no 2011”.