Site icon Crónica3.com A Mariña

105 asociacións participarán no programa Tempos da Deputación

105 ASOCIACIÓNS PARTICIPARÁN NO PROGRAMA TEMPOS DA VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN DE LUGO

Mellorar as capacidades motrices, cognitivas e sociais das persoas con capacidades diferentes e maiores, así como reducir a fenda entre o rural e o urbano, son os principais obxectivos deste programa

Veiga destaca a importancia do programa Tempos para fomentar o benestar e garantir a igualdade de oportunidades destes colectivos nos concellos con menos de 5.000 habitantes

“O programa Tempos é a expresión das principais liñas de actuación da Vicepresidencia da Deputación” – afirma Outeiro

Lugo, 7 de decembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel da Área de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, e o delegado provincial de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, mantiveron, esta mañá, un encontro con todos os monitores e monitoras do programa Tempos, que se inicia a vindeira semana e co que a Vicepresidencia da institución provincial pretende mellorar o benestar das persoas con capacidades diferentes e dos maiores dos concellos con menos de 5.000 habitantes, a través da realización de actividades físicas de intensidade baixa ou moderada.

Máis dunha decena de monitores e monitoras organizarán e dirixirán talleres para estes dous colectivos cos que se pretende estimular as súas capacidades físicas e psíquicas así como fomentar as súas relacións sociais. Segundo explicou Antonio Veiga “o programa Tempos dispón de catro liñas de actuación, unha dedicada a maiores, outra a discapacitados, unha terceira para mulleres e unha cuarta para apoio ás tarefas administrativas das asociacións, pero todas comparten o obxectivo de fomentar a calidade de vida e a igualdade de oportunidades con independencia da idade, a discapacidade ou o lugar de residencia, tratando así de reducir, tamén, a fenda existente entre o medio rural e o medio urbano.”

Os talleres levaranse a cabo na Mariña, onde participarán 7 asociacións de discapacitados e 17 de maiores; na comarca de Lugo, onde se apuntaron 20 organizacións de persoas con capacidades diferentes e 19 de maiores; na zona sur da provincia con 7 asociacións de discapacitados e 20 de maiores, e na comarca da Montaña onde organizarán talleres para 15 asociacións de maiores.

O vicepresidente da Deputación insistiu en que “todos os monitores e monitoras contan cunha formación adecuada no eido da actividade física, da psicoloxía e da xerontoloxía, así como importantes dotes comunicativas para facilitar o entendemento con estes dous colectivos. Todos estarán repartidos polas catro comarcas nas que se desenvolverá este programa, aínda que algúns traballará en máis dunha zona.”

Pola súa banda, Mario Outeiro sinalou que “o programa Tempos é a expresión das principais liñas de traballo da Vicepresidencia da Deputación durante estes últimos anos pero tamén para o vindeiro ano. Tentamos que todo o noso traballo vaia dirixido a mellorar o benestar dos colectivos en risco de exclusión e que son os que máis están a padecer as consecuencias da crise e das políticas neoliberais aprobadas pola Xunta e o Goberno do Estado. Ao mesmo tempo, estamos ante un programa que fomenta o asociacionismo , imprescindíbel en calquera sociedade avanzada.”

Exit mobile version