Site icon Crónica3.com A Mariña

O foro local de AGE en Ribadeo acordou apoiar a folga xeral convocada a nivel europeo para o vindeiro 14N

Na súa xuntanza do venres 8 de novembro, o Foro Local de AGE en Ribadeo acordou apoiar a folga xeral convocada a nivel europeo para o vindeiro mércores 14 de novembro rexeitando a política que está a levar a UE fronte esta grave crise. Así mesmo, decidiu participar na manifestación unitaria que terá lugar en Burela ás 12:00 horas co resto da militancia e simpatizantes da coalición da Mariña.

Estamos a vivir momentos históricos nos que a calidade de vida dos nosos fillos e fillas está en xogo: cómpre parar Europa e deixar claro aos políticos que a cidadanía está por virar o rumbo. Houbo que esperar que morrera xente para plantexarse seriamente o tema dos desafiuzamentos, non debemos esperar que haxa violencia nas rúas para comezar a loitar de verdade contra o desemprego, as inxustizas e as desigualdades. Por iso, o Foro Local de AGE anima a toda a cidadanía a sumarse a este rexeitamento na medida que as súas posibilidades o permitan, organizando protestas, difundindo mensaxes ou asistindo aos actos que se convoquen polas diferentes asociacións, sindicatos ou grupos políticos.

A este respecto, lembra que están convocadas folgas de consumo (non comprar o día 14) e de delantais (non traballar tampouco na casa), e que o Movemento 15M tamén vai a organizar actos en Ribadeo o mércores pola tarde. Entendemos que non abonda con parar, senón que hai que facer ver nas rúas a nosa oposición. A maiores de ver que non estamos sós, participar nos actos vainos dar a oportunidade de crear vínculos cos demais e colaborar en estratexias alternativas que mesmo poden axudarnos a saír adiante. Desde AGE entendemos a folga como un día de actividade, reflexión e debate. 24 horas dedicadas a entender que estamos a facer mal como sociedade e que podemos facer no noso día a día para mudalo.

Desde o Foro Local de AGE queremos facer un especial chamamento a todos os desempregados e desempregadas a mobilizarnos o día 14, a organizarnos para facer presión, a deixar patente o noso número e mesmo comezar a buscar solucións alternativas á súa situación, para o que AGE ofrécese a prestar o seu apoio. Do mesmo xeito, entendemos que o futuro do pequeno comercio e industria locais depende do poder adquisitivo da xente da comarca e da súa percepción do futuro. A actual estratexia de empobrecemento e inseguridade laboral é un enorme obstáculo para a supervivencia destes negocios, polo que animamos ao pequeno comercio a unirse o mércores ao rexeitamento á xestión pola UE desta crise.

O Foro Local de Alternativa Galega de Esquerda de Ribadeo

Exit mobile version