A XUNTA IMPULSA A PROVINCIA DE LUGO DESTINANDO MÁIS DE 150.000 EUROS A 6 PROXECTOS DO GRUPO DE ACCIÓN COSTEIRA
Estas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Pesca, pertencen á convocatoria de 2012 e concédense ao abeiro dos plans estratéxicos zonais co obxecto de impulsar a competitividade das zonas de pesca
Santiago, 11 de novembro de 2012.- A Consellería do Medio Rural e do Mar aprobou 6 proxectos do Grupo de Acción Costeira número 1 “A Mariña-Ortegal” –que abrangue o territorio litoral da provincia de Lugo–, por un importe total de 153.871 euros dentro da convocatoria de 2012. Estas axudas concédense ao abeiro dos plans estratéxicos zonais e están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Pesca. A través delas, favorécese a competitividade das zonas de pesca, impúlsase o valor engadido dos produtos pesqueiros e axúdase a pequenas infraestruturas e servizos relacionados con este ámbito.
Un destes proxectos ten a condición de “produtivo”, é dicir, cunha orientación profesional ou empresarial, e correspóndelle unha cantidade de 31.874 euros. Trátase dunha iniciativa orientada cara o aumento do valor engadido dos produtos pesqueiros, a través das conservas artesáns “Curricán”. Os outros 5 proxectos aprobados en Lugo correspóndense con investimentos “non produtivos”, o que significa que teñen como elemento determinante a súa rendibilidade social.
Como novidade esta convocatoria inclúe por primeira vez a presentación dun proxecto de cooperación que se denomina Enredadas: cultura e oficio das redeiras, presentado polas asociacións de redeiras de Burela (xunto coas coruñesas de Corme e Malpica, e a colaboración da asociación Atalaia, da localidade pontevedresa da Guarda). O obxectivo desta iniciativa é amosar o traballo, tradición e oficio das redeiras iniciando ademais actividades de diversificación económica dirixidas a produtos de artesanía coa colaboración da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.
Relación de proxectos aprobados
Solicitante
Proxecto
Conservas Artesanas Curricán, S.L.
Aumento do valor engadido dos produtos pesqueiros: conservas artesanas Curricán
Redeiras Cabo Burela
Enredadas: Cultura e oficio das redeiras
Confraría Celeiro
Mariñeiros por un día, achegando a escola ao mar
Confraría Ribadeo
Xornadas gastronómicas mar de Ribadeo
Confraría Burela
Do arquivo da confraría de pescadores de Burela ao centro de Documentación sobre Mar e a Pesca
Confraría Celeiro
XVII Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro