Espazo Ecosocialista apoia o 14N unha folga que necesita ser global e expansiva
Para os ecosocialistas galegos están en perigo os nosos dereitos sociais e tamén as nosas liberdades
Espazo Ecosocialista, que forma parte de AGE, entende que o 14N a cidadanía debe facer un exercicio de mobilización importante porque están en xogo os nosos dereitos sociais e as nosas liberdades democráticas.
Os ecosocialistas recordan que os recortes iniciados hai anos polos gobernos europeos dos países do sur, teñen como obxectivo usar a crise como escusa para desmantelar o estado social (recortando dereitos acadados tras moitos anos de demanda dos e das traballadoras) e o estado democrático (limitando o poder dos parlamentos a favor das decisións de tecnócratas ao servizos dos oligopolios).
Ademais existen alternativas, diferentes ás aplicadas polos partidos do statu quo, que pasan pola recuperación da soberanía, con instrumentos centrais na banca pública e recuperación do control das políticas monetarias e fiscais polos estados no caso de que o banco europeo non sexa un instrumento político ao servizo da soberanía democrática e por políticas de inversión públicas en novos sectores estratéxicos e en I+D-i.
En todo caso, as políticas de recortes e de limitación do gasto público, para controlar a débeda, veñen a confirmar despois de varios anos aplicándoas sufrimento para as persoas namentres que os beneficios das grandes corporacións seguen a medrar.
Espazo Ecosocialista cre que para facerlle fronte a este ataque brutal aos nosos dereitos e liberdades necesitase grados de unidade amplos e por iso saúda a unidade acadada polas centrais sindicais. Tamén se necesita abordar esta tarefa desde a transversalidade, pois somos a maioría social as que estamos sendo afectados polas políticas de recorte, por iso saúda tamén a posta en marcha do Cumio Social Galego, coa participación de varias decenas de asociacións e organizacións da sociedade civil; e por suposto necesitase a máxima extensión transfronteiriza, pois cando menos os pobos do Sur de Europa son vítimas comúns destas políticas neoliberais agresivas.
Espazo Ecosocialista fai un chamamento á participar o 14N nun folga global: de produción, de servizos, de consumo, … para poder Paralos.